Tomate nun Van Gogh

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

18 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é o primeiro acto vandálico contra unha obra de arte. Tampouco será o último. Hai tempo que, para lanzar unha mensaxe ao mundo, a xente profana grandes obras mestras. Ultimamente as protestas céntranse no consumo de combustibles fósiles. É un tema sobre o que deberamos reflexionar e mudar os nosos hábitos. Razón para consideralo importante non lles falta. Isto non só esquilma os recursos naturais, tamén inflúe no tan comentado cambio climático, ese que din que non existe, pero que na nosa península temos como habitual. En Galicia hai sol, en Levante fartan de papar chuvia. Iso si, ninguén está contento. Ao que iamos, que coidar do noso planeta debera ser prioritario. Protestar? Si. Chamar a atención? Tamén. Así? Non.

Evitando entrar nos estragos e inconvenientes que provocan, voume quedar co formalismo. Non son congruentes. Se o que queren recriminar á sociedade é que debemos coidar do noso, teñen que dar exemplo. Estragar obras de arte e poñelas en risco non é compatible co que predican.

O boureo que conseguen levantar lanzando sopa de tomate sobre un cadro famoso non se asocia ao que reclaman. Vólveselles en contra. Aquí as sopas fanse con galiña e fideos. O do tomate parécenos unha excentricidade. Tanto nunha sopa coma nun Van Gogh.