Pedagoxía e ficción

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

13 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten o seu mérito, e pequena parte de verdade, construír unha ficción como a de que pagar impostos supón un roubo para o peto dos cidadáns, que frea o investimento e espanta o capital. É unha lección ben aprendida na dereita porque crea a ilusión no contribuínte de que se a súa nómina medra cunha menor carga impositiva xa é máis rico. Este mantra funcionaría nas rendas máis altas que, sen progresividade fiscal, se afastarían cada vez máis das persoas con rendas baixas. O éxito desta ficción neoliberal está no aplauso a esta medida por parte da xente máis desfavorecida, mesmo explotada. Con todo, co horizonte fixo xa nas futuras eleccións e apurado polas esixencias dos socios, o socialismo de Pedro Sánchez aproba uns Presupostos que poñen distancia ideolóxica con esa dereita que aspira ao centro para lle apañar parte do electorado. Teño para min que, desta volta, a retórica fica aparcada para usar unha pedagoxía que ridiculice a estratexia desa ficción un pouco infantil de que pagar impostos nos fai máis pobres. Algunhas das medidas anunciadas son contundentes e difíciles de atacar sen unha explicación persuasiva. Ninguén pode ser tan parvo como para crer que pagando menos impostos vas ter máis servizos. O gasto social que se anuncia pon ás claras as intencións. Se queremos estradas, portos, sanidade, educación, residencias de maiores ou iluminación nas rúas non queda outra que pagarmos impostos. A min non me importa pagalos porque sei que se algún día, por poñer só un exemplo, preciso curar un cancro teño a certeza de que serei atendido pola sanidade pública. Esa é a pedagoxía simple que, sospeito, a esquerda utilizará para destruír unha ficción que, con certeza, só favorece as persoas máis ricas.