Cómplices necesarios

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

VICTOR LERENA | EFE

12 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribiu Simone de Beauvoir: «O opresor non sería tan forte se non tivese cómplices entre os propios oprimidos». Coido que é difícil explicar con menos palabras como funciona esta sociedade que, dende hai séculos, repite e repite os mesmos erros unha e outra vez. Porque a nosa historia, a da cultura occidental capitalista, aínda que soe marxista a miña análise (Marx é por algo, con Durkheim e Weber, un dos pais da socioloxía) é a historia repetida de distintas opresións. Non hai que ser marxista para entendelo: sempre hai uns que oprimen e hai outros que son oprimidos. Seica isto funciona así. E non o damos mudado.

Isto vale para entender dende as guerras ata a pleitesía que moitas persoas, dun xeito irracional e incomprensible, renden a personaxes coma os futbolistas, famosos de medio pelo (non famosos por ter contribuído dalgún xeito ao progreso da humanidade, senón por ser, por exemplo, fillos ou fillas doutros famosos —Tamara omnipresente— que tampouco teñen feito nada por nós agás chupar do bote). Se todas esas persoas que non teñen, se o pensamos ben, a máis mínima importancia obxectiva, non contasen con lexións de seguidores que teñen, a súa importancia e, sobre todo, a súa influencia, sería mínima.

Por iso cómpre, se levamos isto ao territorio da análise política, entender a auxe de certos partidos políticos antisistema de ultradereita como a manifestación electoral da existencia de milleiros de persoas que colaboran con eles. Vox é un partido contra as mulleres. Porque ser antifeminista é ir contra as mulleres. Pero o seu éxito depende, tamén, de millóns de mulleres que colaborarán, sen ser moi conscientes, na supresión de leis de xénero que as benefician e que se derrogarán se algún día esta formación chega ao poder. Porque ninguén trunfa electoralmente sen unha masa social que apoia. Por iso, para min, temos que empezar a dicir que a auxe da ultradereita non ten que ver con «desafección», «cansazo da política tradicional» e outras lerias que se repiten coma mantra irreflexivo que así evita profundar. Moita xente apoia a ultradereita porque non queren o progreso, son antifeministas e odian ao diferente. É simple. É así. En España si que hai moito franquista. Punto.

Así pois, sen colaboración non hai opresión. O problema é que o opresor sempre é insaciable, e aqueles que lles dan a súa confianza un día son as vítimas desa entrega irracional. Daquela, virán os laios. Será tarde.

E así sempre, na cultura occidental. Tan repetitiva que xa resulta esgotador…