Os avós ían apagando as luces

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

No disponible

09 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta é a imaxe que a miña xeración ten dos invernos: os pais e os avós apagando luces e afrouxando bombillas pola casa. «Aquí non traballamos para Fenosa», era a frase máis repetida. Enriba da mesa do comedor tiñamos unha lámpada de seis brazos e moitos cristaliños, que era o orgullo da familia. Das doce lámpadas que tiña, dez estaban inactivas. Lembro as tardes dos sábados con aquela luz amorosa e melancólica, escoitando na radio os contos da programación infantil. A nosa infancia era así.

Logo estaban as trampas da luz. En Salvador de Baía, no Brasil, chámanlle luz de gato. Os habitantes da favelas lanzan cabos que enganchan nos tendidos de alta tensión para fornecer de enerxía eléctrica as casas. Os ganchos son os «gatos». Os ganchos dos nosos avós non eran tan espectaculares (nin tiñan tanto risco), pero tamén os había, e cando viñan os inspectores a ler os contadores domésticos corríase a voz polo barrio —«Veñen os de Fenosa!»— para que todo o mundo tivese tempo de desenganchar os aparellos. Estou a falar dos derradeiros anos 50 ou primeiros anos 60.

O fenómeno do lucerío nas cidades é posterior. Vén cadrar cos anos de crecemento económico e coas primeiras mostras da sociedade de consumo, que se dispara cara a finais do pasado século.

Os psicólogos estudan os efectos da luz nas áreas comerciais, nas rúas e nos escaparates dos comercios. Seica a xente consume máis cando a feira está iluminada. De aí tamén o lucerío de Nadal, que nada ten que ver coa festividade relixiosa. Que llo pregunten ao alcalde de Vigo.

Mais os tempos veñen minguados e a situación chama pola austeridade. Volverán as trampas da luz? Quen sabe? Mais a desactivación doméstica de lámpadas é unha realidade, xunto coa incorporación masiva do baixo consumo. E mais a calefacción.

Quen faga estes días unha viaxe polas nosas aldeas verá as moreas de leña arrombada nos alboios, nos valos e palletes agardando as cociñas de inverno: as bilbaínas sobre todo, que quecían a casa toda. Ás lareiras non imos voltar, pero a economía doméstica do rural hai tempo que está tomando precaucións.

As universidades galegas anuncian un severo programa de aforro enerxético. Apagón xeral fóra das horas de docencia e investigación. Os nosos reitores levan tempo facendo números.

Segundo a un estudo da OCU (Organización de Consumidores e Usuarios) a desconexión dos electrodomésticos dos fogares, para evitar os consumos en tempo de reposo (stand-by), pode significar ata un 10 % de enerxía, e nos centros públicos ata un 30 %.

Non sei destes temas, recollo o que se supón que son opinións de expertos, mais acabouse andar en camiseta pola casa en pleno mes de decembro, coas calefaccións dos edificios a tope. Os custos do gasoil obrígannos a revisar hábitos e, nalgúns casos, mesmo principios. Instalados na crise global que nos castiga, temos que recuperar a épica da austeridade. A sociedade da opulencia non sei se pode dar moito máis de si.