Os nosos maiores non son mercadoría

Amelia Pérez SECRETARIA XERAL DE CC.OO. EN GALICIA

OPINIÓN

M.MORALEJO

06 oct 2022 . Actualizado a las 15:48 h.

Gustaríame que Brais puidera ter gozado máis do avó materno. Que lle puidera contar o dura que fora a súa infancia, cando con dez anos se viu na obriga de deixar de estudar para marchar co seu pai a pescar. Ou cando, recentemente casado e cun fillo de tres anos, tivo que emigrar para poder desenvolver un proxecto de vida, porque a miseria e a falta de traballo que había neste país durante o franquismo obrigaron a milleiros de homes e mulleres a abandonaren España.

Por desgraza, isto non vai pasar. Hai cinco anos, ao avó de Brais deulle un ictus. A hemiplexía e a afasia encargáronse de que ese anhelo non pase dun desexo que xamais se cumprirá. O avó, sempre activo, pasa agora os seus últimos anos nunha residencia de maiores e precisa axuda para as tarefas máis cotiás. Eu xa era unha firme defensora co que agora se chama economía dos coidados, pero as circunstancias persoais reafirmáronme neste compromiso.

Na pandemia, as costuras do noso sistema de dependencia rebentaron por todas partes. É certo que xa presentaba eivas e síntomas de esgotamento moito antes, pero coa pandemia agudizáronse os problemas. O sistema de atención que temos non trata os nosos maiores como persoas. Trátaos, moitas veces, como mochilas que se levan dun sitio para outro ou que se aparcan onde menos molesten.

En moitos casos, as persoas que están nas residencias teñen, como o avó de Brais, un grao de dependencia absoluta. E como estamos falando de persoas, é unha indecencia que as principais decisións se tomen unicamente en criterios economicistas. Cando licitan un servizo, as administracións deben esixir calidade, non só prezos baixos. E teñen que realizar un eficaz e contundente labor de inspección e sanción para evitar que pasen casos como o dunha residencia que denunciamos hai pouco por carecer de algo tan básico como produtos de limpeza.

Tamén teñen que cambiar os protocolos, asumindo que cada caso é un mundo e tendo presente que o paso dunha vivenda a unha residencia require unha adaptación que se ha realizar co máximo coidado e delicadeza. Atrás quedan non só a independencia que se tiña, senón a familia máis próxima, o apego ao coñecido, as lembranzas, as rutinas... A economía dos coidados ten que ser unha prioridade como sociedade, partindo dos principios mínimos do cariño, da empatía e do respecto. O sistema vixente debe ser reformado e reforzado, porque os nosos maiores son ante todo persoas ás que llelo debemos todo, e non unha mercadoría transitando pola cadea de produción. É unha cuestión de xustiza social, pero, sobre todo, de humanidade.