«As familias das vítimas do Alvia seguen a ser exemplo de firmeza na súa loita»

OPINIÓN

Marta Fernández Jara | EUROPAPRESS

06 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Alvia: que indignidade!

A denuncia pública que acaba de facer a Plataforma de Vítimas do Alvia contra a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, no sentido de promover graves «maniobras de ocultación», consistentes en interferir sobre Bruselas para que non se difundise un informe crítico que pon en entredito a investigación efectuada polo Goberno español sobre as causas daquel tráxico accidente, significaría o maior extremo de indignidade ao que pode chegar un representante público, alén da súa afiliación partidaria, así como unha burla ás familias que levan anos batallando para coñecer a verdade e para quen lles prestan axuda moral desde as institucións e desde a rúa.

Se a denuncia é veraz, a intromisión de Ana Pastor na Comisión Europea, en maio do 2016, cabe inscribila dentro dun capítulo orientado a que a verdade quede sepultada baixo a confusión inicial que foi aquel terrible suceso, mais o feito de que unha dirixente política e con responsabilidades de goberno intentara influír, e con recoñecemento de que o motivo que a impulsou foi tentar ocultar as verdadeiras causas da traxedia, debería ser merecedora de amplas explicacións sobre a súa xestión. Mentres tanto, as familias das vítimas seguen a ser exemplo de firmeza na súa loita por ese principio tan humano de coñecer as causas que provocaron o descarrilamento do Alvia 04155 en Angrois, entregándose aos soños da esperanza e superando mesmo os atrancos que se lle poñen desde o poder. Ricardo Vales. A Coruña.

Javier Marías e o son do silencio

Recentemente sufrimos a perda deste gran escritor, que nos facía reflexionar sobre diversas cuestións; a triste noticia colleunos por sorpresa a moitos. Persoalmente, non compartía moitos dos seus puntos de vista. Non obstante, as diferenzas de criterio e os debates construtivos resultan indispensables para a consolidación dunha sociedade madura e realmente democrática. O novelista contribuía neste sentido, ademais de contar cun longo percorrido no que demostrou o seu talento a través de diversas obras. Resultaba admirable comprobar a integridade e a valentía que demostrou ao clamar contra innumerables inxustizas, como a xenofobia mostrada por partidos como a Liga Norte de Salvini. Tampouco deixou de lado unha moi necesaria crítica contra as incoherencias e erros do actual Goberno, que se di progresista pero que adopta con frecuencia actitudes similares ás dos partidos da dereita que tanto critica.

Tamén denunciou a expansión de modas absurdas como a tendencia á xeneralización dos anglicismos e calcos do inglés na linguaxe, ou a vontade de querer importar máis e máis costumes e festas propios dos EE.UU., seguindo unha tendencia nefasta á homoxeneización das culturas.

Estes son algúns dos moitos aspectos que se poden eloxiar do desaparecido escritor, sen entrar a valorar sequera a calidade literaria e artística das súas obras, considerable pero suxeita, por suposto, á valoración persoal de cada quen. Polo tanto, na miña opinión, é moi estraño percibir o silencio á hora de homenaxealo ou recordalo (con honrosas excepcións). Cal é a razón disto? Acaso os políticos e os poderosos, sexan da cor que sexan, queren só «intelectuais» mansos que lles sexan fieis e non os incomoden? Como xa se demostrou noutras ocasións, este é un mal país para mostrarse crítico e independente. Na nosa man está rematar con esta clase de inxustizas e non permanecer apáticos ante elas. André Piñeiro González. Pontedeume.

Putin vai por libre

As recentes anexións a Rusia, por parte de Putin, de catro provincias de Ucraína (que supón un 15 % do total do seu territorio), despois dunhas consultas cunhas porcentaxes de participación e respostas afirmativas elevadísimas (o que fai dubidar moito das condicións da consulta), é todo un canto a toma de decisións persoais carentes de sentido dende o punto de vista da legalidade, das relacións internacionais, da procura da paz e do sentido común. No mesmo acto da rúbrica, o presidente ruso ameazou, criticou e subestimou ao mundo occidental acusándoo de corrupto, imperialista, colonialista, amante da guerra… e ameazando con responder con todos os medios ao seu alcance para defender a integridade territorial das provincias anexionadas. Pola contra, preséntase el e o seu país como exemplo de honestidade e xustiza.

Nun momento tan complicado como estamos a vivir (pandemia, crise económica, fame, cambio climático, desastres naturais…), a postura de Putin non fai máis que engadir leña ao lume cando a humanidade o que precisa é cordura, diálogo e apoios, especialmente aos países máis necesitados. Que lonxe está o actual presidente ruso do soño dun futuro global e pacífico pensado por Mijail Gorbachov! Manuel Romasanta Touza. Sigüeiro.