As amizades perigosas

OPINIÓN

Carlos Luján | EUROPAPRESS

04 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As xentes da esquerda, eses comunistas que non cren en Deus nin na Patria, andan enrabechados porque Feijoo se reuniu con Abascal en segredo. Un pode reunirse con quen queira. Ou non? Cormac Mccarthy asegura nunha das súas novelas que, mesmo cando Deus creou o home, o diaño estaba a carón del. Pois ben, o ex presidente galego seguro que se reuniu con boa intención para ver se o líder de Vox era quen de abandonar as ideas extremistas e, visto o acontecido en Italia, atopar así un lugar na centralidade de cara a un futuro goberno compartido. É certo que, desta volta, as contas dese secretismo, ou desa discrecionalidade que pretendía Feijoo, saíronlle furadas porque a outra parte axiña asinou a primeira traizón aproveitándose do encontro e filtrándoo aos medios, na suposición de que eles, e non o PP, son os máis beneficiados. Non lle queda nada que aturar a Feijoo e sospeito que xa puxo as barbas a remollo porque ten un adianto concreto en Castela e León, con ese vicepresidente que, con cada intervención, ergue o fanatismo e a irresponsabilidade coma a bandeira dun populismo macarra e antidemocrático. As malas compañías adoitan traer problemas, pero a realidade é a que é e non a que nos gustaría a nós que fose. Somos moitos os que estamos convencidos de que Feijoo vai ter un alimento constante que consiste en tragar sapos e rodas de muíño para poder chegar á Moncloa. El preferiría reunirse co PNV ou cun socialismo tipo García-Page, pero o futuro tenlle reservadas outras amizades máis perigosas e se cadra non lle quedará outra que aceptar as protestas deses comunistas anoxados que, malia non creren en Deus, están moito máis preto del e do sentido común ca eses aliados de comenencia que, por veces, parecen froito do diaño.