O mundo necesita equilibrio (para sobrevivir)

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

THOMAS MUKOYA | REUTERS

02 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos factores de risco máis graves que ten o sistema democrático é a desigualdade, esa fenda social que se abre entre os que máis teñen e os que menos teñen, entre os máis ricos e os máis necesitados. Unha fenda social que se agranda máis cada día. Na marea da semana pasada falabamos de xustiza fiscal e xustiza social. Para a estabilidade democrática ambos principios son complementarios. De aquí a importancia do debate que nas últimas semanas se está a desenvolver. Nalgún momento, coa chegada ao poder de Ronald Reagan e Margaret Thatcher nos anos 80 do pasado século, o primeiro nos Estados Unidos e a segunda na Gran Bretaña, o discurso económico neoliberal fundamentouse no crecemento. Todas as facilidades e todos os incentivos eran poucos para xerar riqueza, na idea de que potenciando os excedentes dos que máis tiñan crearíanse mecanismos para avivar traballo e recursos para os máis abaixados. Do que se trataba en realidade, e así o demostra a historia deses anos, era de afirmar o liderado de determinadas elites ou economías que, libres de pexas, puideron medrar sen disimulos nin apenas atrancos. O que non se fai rico é porque non sabe. Darwin en estado puro.

No ano 2021 o 10 por cento da poboación mundial acumulaba o 76 por cento da riqueza, nun proceso de crecemento constante dende a década anterior. E a derivada mantense. O capital tecnolóxico substituíu o capital financeiro e mesmo o capital científico, e igual que na Idade Media e no tempo dos nosos avós a riqueza residía na posesión de terras (economía tradicional); e así como posteriormente a revolución burguesa impuxo o modelo do crédito, hoxe o poder reside na información e na tecnoloxía, sobre todo na tecnoloxía dixital (o poder dos algoritmos), grandes corporacións privadas que actúan por riba de calquera capacidade de control dos poderes políticos. A realidade demostra cada día que os poderes políticos (democráticos) están capturados por eses poderes externos. Malia os intentos de poñerlles control, os mecanismos de representación democrática non poden con eles.

Isto percíbeo a xente. Se cadra non dun xeito tan elaborado, mais dunha maneira intuitiva, ou instintiva, na medida que afecta as economías domésticas de cada día. Os grandes números (a macroeconomía) é unha cousa; a supervivencia diaria das persoas e as familias outra moi distinta. Que capacidade ten o sistema democrático para equilibrar a balanza? En gran medida diso estamos a falar neste tempo, aquí e no resto do mundo: en América Latina, en África, en Oriente Próximo… Pero tamén entre nós, repito. A inestabilidade europea é a nosa inestabilidade. Por aquí deberiamos empezar. Durante canto tempo uns poden seguir vivindo e medrando por riba dos outros, por riba das inmensas maiorías deberiamos dicir? Non son preguntas retóricas.