Funcionario ruso, profesión de risco

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

EVGENIA NOVOZHENINA | REUTERS

01 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestas latitudes a concepción do funcionario pasa por ser unha das mellores profesións. As súas condicións son consideradas case privilexios, moito mellores ca as de calquera empresario, asalariado ou autónomo.

Mais ultimamente esta idea cambaléase, distando dunha verdade universal. Como exemplos claros temos os casos das mortes de varios funcionarios que ocupaban altos cargos administrativos en Rusia. Á vista das noticias, ser funcionario é, sen dúbida, unha profesión de risco. O último deste grupo de falecidos fora director do Instituto de Aviación de Moscova. Esvarou por unhas escaleiras, desde unha grande altura, e faleceu. O mesmo desenlace agardaba a outro alto funcionario ao caer dun barco. O seu antecesor no cargo tamén morrera había pouco, ao parecer por un derrame cerebral.

Outro colega funcionario foi á consulta dun curandeiro para reducir os efectos dunha resaca. O veleno que lle inxectaron para mitigar os síntomas foi excesivo. Por que acudir a un xamán? Pois porque nin sequera os centros médicos profesionais son seguros. Dunha das ventás do Hospital Clínico Central precipitouse un oligarca da mesma nacionalidade. Outros executivos foron atopados cun balazo na cabeza ou aforcados nas súas mansións.