Hai uns días finou en Buenos Aires, aos 55 anos, a escritora galego-arxentina Inés Martínez. Descendente, como tanta xente, de galegos, falaba na nosa lingua con acento porteño, nun galego fermoso e musical. Escribiu varios libros de poemas, moitos deles en galego. Comunicouse sempre comigo en galego e facía do noso idioma a súa bandeira. No 2016 puido vir a Galicia e dicía que estaba na casa. Inés agasalloume a súa amizade, pero para o que interesa contar aquí fixo da galeguidade un xeito de estar no mundo.
Vivía a milleiros de quilómetros de Galicia. Toda a súa vida se desenvolveu fóra de Galicia, pero ela sentía que estaba na nosa terra. E se o sentía era pola lingua. Por suposto que os galegos que non falan nunca a nosa lingua son galegos. Por suposto que incluso os galegos que a desprezan, que loitan contra ela (aí está Hablamos Español, por exemplo), incluso os que se avergonzan do galego e seguen considerando a nosa fala cousa de vacas e aldeáns sen estudos, incluso eles son galegos. Pero, os que ademais saben que existe unha lingua nosa, que a coidan e respectan, que, aínda que non a falen, quérena porque saben que é importante, eses, vanme permitir, a fin de contas é só unha opinión a que expreso aquí, eses son galegos doutro xeito. Vostedes xa entenden e non teño que explicarlles moito. Igual que nos parecerían moi pouco patriotas aqueles que insultan a súa patria (imaxinemos a alguén que pon podre a España e di que é todo lixo, non lle negariamos a condición de español, pero si dubidariamos da súa españolidade), o certo é que en Galicia, e fóra de Galicia, hai galegos e galegos. Hai quen nace aquí e isto impórtalle pouco menos que nada, e hai quen incluso nacendo alén do océano se agarra á cultura e a lingua que lle transmitiron seus pais e loita porque non esmoreza, porque non desapareza.
Non vou explicar o papel que no seu tempo xogaron as comunidades galegas no exterior, sobre todo nos tempos escuros do franquismo. Ou a importancia dun Neira Vilas en Cuba, dun Seoane na Arxentina. Xa o sabemos e cómpre non esquecer a esa xente que, coma Inés Martínez, poderían escoller publicar os seus libros en castelán, pois os seus libros vendíanse só na Arxentina, pero prefiren facelo en galego, ir ás clases de galego que se dan alí, pensar, falar e transmitirlle aos seus fillos e fillas, en galego. Inés chegou a ser avoa. Seguro que na súa casa hanlle dicir cantigas de berce en galego á crianza. E así, con xente que arrola en galego, a nosa lingua vai aguantando…