Irán: listos para sacrificar as súas vidas

Llerena Perozo Porteiro ECOFEMINISTA. SOCIA DE A GARGALLEIRA, PROXECTO AGROCULTURAL

OPINIÓN

Lorena Sopêna | EUROPAPRESS

29 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Irán non é Afganistán. Irán é Irán. Ten unha longa historia de represión machista e tamén de liberdades. E memoria. Hoxe, en Irán existe a Policía da Moral e o velo é obrigatorio para as mulleres. Desde 1979 é unha ditadura cuxas leis privan dos dereitos elementais ás mulleres, ás que un home ten que autorizar para todo. O mesmo que impoñían as leis españolas ata 1975, cando as iranianas vestían minisaias.

O movemento iraniano polos dereitos das mulleres, que ata o final da dinastía Qajar non foron consideradas humanas, ten máis de cen anos de historia. Rebeláronse ante a prohibición do velo e promoveron clandestinamente a educación das nenas ata que a Revolución Branca de Mohammad Reza Pahlavi (1963) a consolidou. Agora seguen estudando, nunca volveron levar burka e consideran que a hiyab non debe ser nin obrigada nin prohibida. Maral Fe é parte dese movemento. Conta na rede a realidade do seu país. Malia os cortes e bloqueos en internet, consegue achegarnos a voz das mulleres de Irán. Falamos por mensaxería, é difícil. Pregúntolle como de arriscado é o que fai. «A actividade no ciberespazo é tan perigosa coma no espazo público. Máis se tes seguidores aquí e podes influír na opinión pública».

O asasinato de Mahsa Amini semella ter desatado a vaga de revoltas, pero o asunto vén de atrás. Maral sinálame que «unha xornalista, que vén de ser arrestada, revelou esta e outra historia. Se Nilufar Hamedi non as tivese contado terían sido esquecidas como tantas outras. Pero o nome de Amini converteuse na icona da liberdade, das atrocidades do Goberno contra a nación iraniana». «Hai dous meses —relata— houbo un altercado nun autobús. No Día da Hiyab, o movemento respondera cunha campaña para facer fotos sen ela en público e subilas ás redes. Unha muller pro-goberno rifou cunha sen velo e o resto botouna. Ela gravou as súas caras e denunciounas. A muller que protestaba foi detida e non se soubo dela por longo tempo, ata que apareceu na televisión coa cara ferida, hiyab completa e admitindo o seu erro»

As nenas iranianas están nas escolas. A lei é sorteada en moito do cotián. A represión deste patriarcado de coherción endurécese fronte as rebelións. Maral di que todo está a moverse rápido: «O enfado acumulado por todas as inxustizas estourou. Os cambios sociais son importantes. A nova xeración rebelouse. Queren vivir como desexan. As mulleres coñecen os seus dereitos e os homes empezan a apoialas fortemente. Mesmo están listos para sacrificar as súas vidas por isto».