Xustiza fiscal, xustiza social

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Miguel Osés | EFE

25 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos derradeiros anos do século XIX, os paisanos falaban de trabucos. Era a denominación que se lle daba na cultura popular aos impostos, tributos ou taxas fiscais. O trabuco era unha arma de guerra. Nas casas patrucias da aldea había un buraco enriba da porta para axexar aos asaltantes e, chegado o caso, largarlles un trabucazo. 

Esa era a idea que os paisanos tiñan da contribución, igual que antes o dezmo ou o pago do foro: un asalto, roubo ou rapina contra as súas castigadas economías. Non era un caso exclusivo noso.

Nos contos populares, os levantamentos sociais (contra o rei, contra o gobernador, contra o señor conde) producíanse case sempre polo descontento da xente a causa da excesiva carga fiscal en forma de tributos ou contribucións varias.

A modernidade (e a cultura urbana) introduce unha nova visión da fiscalidade e, xa que logo, do imposto como contribución social necesaria. Imposible explicar a saída das grandes guerras do pasado século en Occidente sen a política fiscal.

Neste aspecto, a socialdemocracia xogou un papel moi importante, sobre todo nos países nórdicos e centroeuropeos. E non só esta corrente política. Nos Estados Unidos de América, principalmente despois da gran crise do 29, a carga fiscal sobre as grandes fortunas foi espectacular.

O estado do benestar, que é un produto histórico de extraordinario valor, sostense basicamente sobre a alta contribución fiscal dos Estados, conscientes da necesidade de fortalecer modelos estables e equitativos. Aínda hoxe, Francia, Dinamarca, Bélxica, Austria, Alemania ou Suecia manteñen unha taxa de contribución sobre o PIB por riba da media europea (41,3 %) e da española (38,5 %).

A liorta que nos últimos meses, mesmo nas últimas semanas, vén desatándose sobre a contribución fiscal no Estado das autonomías é certamente triste, por non dicir patética.

Ninguén fala de reparto equitativo. Ninguén, da desigualdade social que cómpre corrixir (fundamental para calquera estabilidade política).

Ninguén di como se sostén a educación con recursos públicos, que aínda seguen moi por debaixo das medias europeas.

Ninguén pensa na sanidade, que en Europa supón 2.394 euros por habitante e en España 1.804, por máis que presumamos de ter un dos servizos máis eficientes.

A educación, a investigación, a seguridade pública, a sanidade, as infraestruturas de toda clase, a xustiza, a policía, a defensa, a protección social (xubilacións, desemprego, incapacidades) sostéñense con impostos, que deben fundamentarse en algo tan elemental como que quen máis ten, máis debe contribuír ás necesidades públicas. Na meirande parte dos casos, esas contribucións non son gastos, senón investimentos de futuro. Esperabamos bastante máis do debate político, sinceramente. Que ninguén se estrañe logo cando o común da cidadanía se revolve ou decide poñerse fóra de xogo.