Murguía en San Amaro

OPINIÓN

Siro

24 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No cartafol de debuxos de humor que publiquei en 1980 co título Homes e Mulleres estaba «O home que votou polas esquerdas sen saber que era de dereitas». Entón non podía imaxinar que aquel nacho presentado como unha rareza fose tan común, pero non tardei en comprobalo e hoxe sei que son lexión os afervoados militantes e simpatizantes do PCE no franquismo convertidos en afervoados militantes e simpatizantes do PP e de Vox. Pasou tamén, aínda que moito menos, no nacionalismo galego, con persoeiros que derivaron en colaboradores de baróns do PP; e ata no eido da cultura —onde galegos de pensamento liberal de dereitas e de esquerdas camiñamos xuntos por pura solidariedade moral para afirmármonos como pobo e desenvolver a nosa creatividade— escoitamos voces disidentes do galeguismo que nos acusan de traizoar o pensamento e o sentimento dos devanceiros.

Sucedeu o pasado sábado cando Carlos Luís Rodríguez dedicou un artigo á petición que un cento de xuristas, empresarios, funcionarios e xornalistas fixemos ao Concello de A Coruña para que, coincidindo co centenario do pasamento de Manuel Murguía, o 23 de febreiro de 2023, transforme en mausoleo a humilde tumba que ten no cemiterio de San Amaro e galeguice a súa inscripción. Carlos Luís Rodríguez, militante de mozo naquel pequeno partido que foi o PSG, nada di sobre o mausoleo, polo que debe entender que o troco non alterará o descanso de Murguía. O que si o alteraría —di el— é que se reescriban en galego as palabras que na cruz puxeron os fillos en castelán. E aproveita para meternos o dedo nun ollo: «Que uno de los padres del regionalismo prescindiera del gallego es algo que debe descolocar a ciertos doctrinarios, pero así son las cosas en la Galicia real. De ahí que tenga algo de profanación la idea de galleguizar su sepultura».

Coido que Carlos Luís debeu de facer este artigo ao bulebule, porque non pode ignorar que o proceso de normalización cultural en Galicia foise facendo paso a paso, e ata a creación das Irmandades da Fala, en 1916, os galeguistas non acordaron falar e escribir sempre en galego. Cando Murguía se propuxo salvar o idioma galego, as súas prioridades eran probar que non era un dialecto do castelán, recoller a fala dos paisanos nun dicionario e crear unha Academia que velase polo estudo, a defensa e a promoción do idioma. No pregón dos Xogos Florais de Tui en 1891 dixo en galego cousas como estas: «O primeiro, o noso idioma». «¡O noso idioma! O que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nos achamos a punto de non entendelo; aquel en que cantaron reis e trovadores». «O galego, en fin, que é o que nos dá dereito á enteira posesión da terra en que fomos nados, que nos di que pois somos un pobo distinto, debemos selo. Nel, coma en vaso sagrado en que se axuntan tódolos perfumes, áchanse os principais elementos da nosa nacionalidade».