A forza do léxico

María López Sández PROFESORA DE DIDÁCTICA DA LINGUA NA USC. ESCRITORA E INVESTIGADORA

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

24 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un profesor que tiven de nena adoitaba empregar a seguinte metáfora: as verbas, o léxico, son os tixolos do idioma; a gramática é a argamasa coa que os unimos. Por moi importante que sexa o cemento, que nos permite fixar os tixolos e mantelos pegados, sen estas humildes pezas non poderá erguerse ningún valo de certa entidade ou consistencia e, daquela, non poderemos facer ningunha construción importante.

As palabras teñen unha raigame moi fonda no falante; malia seren arbitrarias, ninguén pode mudalas a vontade. Son o elemento lingüístico que máis doadamente transita dunha lingua a outra, de aí a abundancia dos préstamos. O seguimento popular de iniciativas como a escolla da «palabra do ano» revela a implicación emocional que podemos chegar a ter coas elas e, de feito, a nosa propia identidade vive ancorada nunha palabra ou termo que nos dá nome.

Nos casos de contactos entre linguas, os préstamos lingüísticos e as interferencias léxicas son un fenómeno habitual e inevitable. Non é, logo, de estrañar, que o galego, ao longo da súa historia, como lingua minorizada que foi a partir dos longos Séculos Escuros, afastada do cultivo escrito, acollese numerosos castelanismos léxicos que penetraron con forza no idioma, particularmente en certos ámbitos coma o eclesiástico, mais non só: Dios, iglesia, pueblo ou abuelo son formas manifestamente alleas á evolución do galego, mais fondamente asentadas na fala espontánea. Tamén, no sentido contrario, hai termos e palabras galegas de uso tan habitual no castelán falado en Galicia que moitos falantes se sorprenden ao saberen que colo ou pota ou esmagar non son termos casteláns e mesmo sabéndoo séntense incapaces de empregaren as equivalencias.

Toda lingua, para poder ter un uso normalizado en todos os niveis e rexistros, precisa dunha norma estándar. A escola e os medios deben garantir o coñecemento e o coidado no seu uso. Mais iso non pode derivar en posicións intransixentes de purismo. Na realidade da fala espontánea, o uso social da lingua réxese por normas non escritas que teñen que ver co achegamento ao outro e mesmo coa sensibilidade. A persoa que, coñecedora das formas propias galegas, emprega nun determinado contexto (e cun interlocutor concreto) Dios ou abuelo faino a miúdo como un xesto de achegamento emocional ou por unha sensibilidade que pretende non facer sentir ao outro que o seu modelo lingüístico é incorrecto. Porque nada hai máis triste que o feito de que, no proceso de marxinación lingüística que levamos sufrido en Galicia, se chegou a facer sentir aos galego-falantes máis espontáneos, ás xentes das nosas aldeas que preservaron a lingua nos tempos dos Séculos Escuros e do franquismo, que o seu modelo lingüístico era incorrecto ou pouco axeitado. Curiosamente, o uso dos galeguismos léxicos e doutras interferencias no castelán falado en Galicia non adoitan derivar nun xuízo semellante sobre a calidade do idioma. Estas asimetrías na propia percepción dos falantes son un prexuízo máis dos que conforman a nosa vivencia lingüística. O verdadeiro reto consiste en conxugarmos o aprezo ao idioma e mais o coidado da súa norma co respecto aos falantes espontáneos, porque sempre, en toda circunstancia, son os que autenticamente fan a lingua.