Patrimonio: reforma sen supresión

Xoaquín Fernández Leiceaga SENADOR E SECRETARIO DE POLÍTICA ECONÓMICA DO PSDEG-PSOE

OPINIÓN

Raul Caro | EFE

22 sep 2022 . Actualizado a las 18:08 h.

A práctica eliminación do imposto sobre o patrimonio en Andalucía irrompe de cheo nos debates social e territorial do tempo presente en España.

Cando o conxunto da clase política declara estar preocupada pola situación (alta inflación e ameazas para o crecemento) en que a guerra de Putin sitúa ás capas máis débiles da sociedade española, aliviar a factura fiscal para os máis poderosos non deixa de ser unha aposta de risco. En Andalucía son apenas 20.000 contribuíntes, cun patrimonio neto próximo aos 3 millóns de media, que se aforrarán 6.000 euros cada ano. En Galicia sobre 7.000, cunha riqueza duns 7 millóns de euros. Bastante menos do 1 % da poboación. A supresión en Andalucía significa prescindir de recursos anuais equivalentes a 2.000 profesionais sanitarios.

Paréceme, como ao comité de expertos na reforma tributaria, que a imposición sobre a riqueza merece unha reforma profunda pero debe subsistir. Porque contribúe a corrixir unhas desigualdades sociais que están aumentando no noso país; e porque favorece o control fiscal para as rendas altas. A súa supresión inclusive podería ter efectos negativos sobre a eficiencia económica: ao desgravar a mera posesión de riqueza, desincentiva o investimento produtivo da mesma. Tampouco é unha anomalía en Europa, en contra do que se predica ás veces.

Moreno Bonilla ten dereito a propoñerllo ao Parlamento andaluz —aínda que sería de maior calidade democrática ter expresado este desexo na campaña electoral—. Pretender replicar o comportamento anterior de Madrid non só é un empeño condenado ao fracaso. Tamén empuxa ao debate territorial en España por unha pendente perigosa. Fracaso, porque a capacidade de atracción de Madrid non é replicable. Foi a primeira comunidade que optou por esa vía, goza de centralidade xeográfica, da condición de capital, concentraba xa o segmento máis relevante das empresas, as fortunas ou as rendas e ten unha poboación que demanda en menor medida servizos públicos.

¿Que sucedería se xeneralizamos este comportamento? Pois que desaparecerían os incentivos fiscais para a mobilidade das grandes fortunas... e o sector público autonómico contaría con menos recursos. O que produciría un maior impacto directo nas comunidades de menor base fiscal e debilitaría as súas reclamacións en favor dun sistema de financiamento autonómico que primase a equidade. Non debemos esquecer nunca que a actuación do sector público (singularmente a través do financiamento autonómico) foi nas últimas décadas un vector poderoso de equilibrio territorial en España. Debilitalo conduce a reforzar o papel dun mercado que polariza tamén territorialmente.

Estamos a favor da competencia fiscal e dunha adecuada capacidade normativa das comunidades autónomas no ámbito tributario. Pero, como toda competencia, debe producirse nun sistema que a regula e canaliza para que favoreza o ben común: harmonizar, con mínimos e máximos, a imposición sobre a riqueza, forma parte dese delicado equilibrio entre autogoberno e unidade que caracteriza o noso proxecto común. Estas reflexións indican a urxencia de acometer a reforma fiscal e a reforma do financiamento autonómico que a pandemia e a guerra contribuíron a postergar.