Comunistas e terroristas por todas partes

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

David Aguilar | EFE

20 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantos menos, máis citados. Un clásico. Agora que xa case non hai partidos comunistas nin estados comunistas, resulta que nunca tanta referencia houbo a eles no debate político español. O PCE actúa dentro de IU hai catro décadas; o maior dos europeos, o italiano, deu hai tres nun partido de esquerda socialdemócrata. Só continúan o francés, que neste século apenas supera o 5 % dos votos, e o portugués, que como a CDU rolda o 7 %. Desaparecida a URSS hai trinta anos, coa China convertida nun grande país capitalista dirixido por un comité central do que fora o PCCh, con Cuba intentando resistir e Corea illada no seu norte, a palabra comunista como acusación é a que predomina nalgunhas linguas viperinas para aforrarse máis argumentos.

Asombrosamente, nunca tanta referencia houbo aos comunistas nos debates políticos e parlamentarios e na opinión pública. En España, os comunistas pasaron ser a referencia da reconciliación e máis a mellor coartada dos franquistas para ser admitidos en democracia. Estilo saúdo Suárez-Pasionaria ou presentación de Fraga da conferencia de Carrillo naquel mítico Club Siglo XXI, a converterse nunha peste mitolóxica. Os tempos cambian inexorablemente, pero sempre é importante saber como e para que.

Este asunto é como moi franquista, este si. Fai parte dunha vella cultura política que pensabamos superada. No século pasado, en moitos países a dereita democrática podía ser anticomunista —case toda, con excepcións como De Gaulle—, e usaba electoralmente a crítica aos comunistas como argumento. Daquela o franquismo, que era unha herdanza do tempo fascista, metía a todos os demócratas e a todos os antifranquistas no mesmo bote comunista, como era propio do totalitarismo antidemocrático. Como algúns volven facer hoxe.