Xente que sacode xoias

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

POOL | REUTERS

19 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Era novembro do 63 e os Beatles actuaban nunha gala benéfica, á que, ademais, acudirían membros da familia real. Coma sempre, anunciaban as cancións adubiando os títulos con retranca made in Liverpool. Dispúñanse a tocar Twist and Shout cando Lennon, tras botar unha ollada irónica ao auditorio, animou o público a participar: «As persoas sentadas nos asentos máis baratos, que aplaudan; os demais abondará con que sacudan as xoias». Logo do concerto, por certo, os Beatles fotografáronse moi contentos con alguén de querenzas comunistas: Marlene Dietrich. A anécdota está documentada porque a BBC, malia un retardo de seis días, retransmitiu a gala íntegra, incluída a provocación que gustou tan pouco á familia real como adorou cada cidadán que, sentado ante súa televisión pública, entendeu na frase de Lennon o retrato perfecto da súa monarquía.

Así, sacudindo as xoias, está a despedirse a Queen. Soan os aneis nas longuísimas exequias, pensadas para un tempo en que os recados chegaban por emisario a pé. Exhiben cada diamante roubado nas conquistas do Imperio Británico, cada vez que El-Rei Carlos despreza un servo. Baten o ouro no desfile dunha familia que só se relaciona coa xente nos enterros.

Carlos III rematou o seu primeiro discurso á plebe cunha frase de Horacio a Hamlet («Que o voo dos anxos che cante no teu descanso») que, na obra de Shakespeare, se pronuncia no medio da escabechina de toda unha familia real. Non a dixo en referencia a posíbeis envelenamentos, senón como homenaxe. Pero nese contexto da cita está o que toda familia real é e Shakespeare contou coma ninguén: unha mestura entre xoias que se axitan e traizóns ponzoñosas que os demais observamos, coma Lennon, entre divertidos, indignados e fartos.