Volven os de Buenos Aires

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

18 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Había dous anos que non nos visitaban. A pandemia impediu as viaxes. Pero aquí están outra vez: o alumnado da última promoción do Instituto Galego-Arxentino Santiago Apóstolo, que dirixe en Buenos Aires o noso compañeiro Carlos Brandeiro. Vinteoito mozas e mozos, acompañados de dúas profesoras. A meirande parte son descendentes de emigrantes de Galicia (Lugo, Mondoñedo, A Coruña, As Mariñas, Pontevedra), pero tamén hai fillos e netos de Italia, Paraguai, Siria, India e un chinés. Todos falan galego. Un galego porteño, coa fonética característica da gran cidade, con algúns pequenos atrancos, mais con capacidade abondo para manter unha conversación. E saben dos nosos clásicos (Rosalía de Castro, Curros Enríquez) e dos contemporáneos (Fina Casalderrey, Manuel Rivas, María Canosa, Alba Cid). Son os nomes que citaron.

 

O Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, que empezou a funcionar en 1998, é unha das institucións das que máis orgullosos nos sentimos, embaixada de futuro apoiada nesa Galicia exterior (que tamén existe) e que, se sabemos traballala, de seguro dará froitos logrados. Dixémolo moitas veces: Galicia existe alí onde hai galegos e galegas conscientes da súa razón, sementeira viva que, loxicamente, cómpre atender, mimar, alimentarlle a memoria. O día de mañá estes rapaces ou rapazas serán profesionais en distintas especialidades, acaso con responsabilidades importantes na administración pública, na empresa, na vida política do seu país, e Galicia sempre estará con eles, mesmo que non sexan galegos de orixe.

Lembro a despedida de dous rapaciños nixerianos, fillos de empregados da embaixada, logo de estudar catro ou cinco anos no colexio, dende a primaria. Marchaban cheos de morriña e cos ollos mollados coas bágoas. Mais alguén lles dixo algo que de seguro nunca esquecerán: «A vida nos leva por camiños que non sospeitamos. Quen sabe que seredes mañá? Mais de seguro que, alá onde vaiades, nas ocupacións e traballos que desenvolvades, sempre levaredes convosco os versos de Rosalía, a música de Milladoiro, os puntos da muiñeira, as figuras do Pórtico da Gloria…». Todo iso se descubre e coñece na escola, e deixa pouso para sempre.