Inflación e democracia

Pedro Puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

VEGA ALONSO DEL VAL | EFE

18 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Probablemente, nunca exista o dicionario perfecto. Con independencia de que seu o obxectivo sexa fixar ou rexistrar o significado dunha palabra, e por moito que este varíe no tempo, de existir a perfección lexicográfica dous dicionarios coetáneos deberían ser idénticos. Afortunada, ou desgraciadamente, tal cousa non acontece. Para a Real Academia Española e no ámbito económico, a inflación é a «elevación do nivel xeral de prezos». Para a tamén Real Academia Galega, é unha «situación ou fenómeno que consiste nunha suba xeneralizada e continua dos prezos provocada xeralmente polo aumento excesivo de capital e da moeda en circulación».

 

Parecen semellantes, máis non o son. Non é o mesmo definir a inflación como unha suba xeneralizada dos prezos que entender que é o resultado da perda sistemática do poder de compra do diñeiro. Quen interpreta que a inflación é unha suba xeralizada dos prezos tenderá, loxicamente, a pensar que a orixe do fenómeno inflacionista recae principalmente no comportamento dos empresarios que optimizan os seus ingresos, nos sindicatos que maximizan os salarios, ou na evolución dos prezos do petróleo ou da soia; e tenderá a propor mecanismos de intervención nos prezos ou nos salarios. Quen, pola contra, crea que a inflación non é máis que a consecuencia da perda do valor do diñeiro, o que se produce cando o seu fabricante (o banco central) imprime máis cantidade da que se debería axustar á evolución da produción e da demanda de bens (teoría cuantitativa do diñeiro), entón o responsable de corrixila é o banco emisor, e non os axentes económicos que utilizan os cartos como medio de cambio na súas transaccións.

Os lexicógrafos, probablemente de forma inconsciente, recollen nas súas distintas definicións unha das grandes controversias da macroeconomía contemporánea e permiten ilustrar o «estado da situación»: un Banco Central Europeo que trata de conciliar a redución do diñeiro en circulación decretando a maior suba dos tipos de interese desde a súa creación; e impulsando á vez, da man da Comisión, estímulos económicos que incrementen a produción a medio prazo, para estimular a demanda e os salarios. E que confirman, como sostén un moi lúcido Robert Skildesky no seu ¿Qué falla con la Economía?, que esta rama do saber (digamos científico) necesita urxentemente, como xa propugnaba Keynes, e tantos outros antes ca el, ser máis humilde e abrirse ás achegas doutras ramas da análise social, como a política, á socioloxía ou a sicoloxía social. E abordar os problemas económicos do noso tempo desde unha perspectiva máis ampla, que teña en conta, entre outros factores, a necesidade de consensos sociais e políticos.