Unha rúa de Madrid

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

16 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En Madrid hai moitas rúas, e cada unha terá a súa historia, pero o caso da Pasaxe de Modesto Martínez é tan curioso coma orixinal, como era Modesto. E quen era Modesto? Entre outras cousas un ser creativo, un deseñador nado en Madrid (de orixe galega) que en 1999 decidiu instalarse en Galicia, e que para despedirse do seu Madrid natal decidiu encargar unha placa imitando ás placas oficiais do rueiro da cidade, e instalala nun lugar sen nome do barrio de Malasaña.

E que pasou con ela? Pois en 1999, logo de facer a festa de despedida cos seus amigos, e instalar a placa como unha broma (sen máis ambición que pasalo ben esa noite), a placa quedou aí, e con ela a Pasaxe de Modesto Martínez foi collendo unha vida de seu. No ano 2009, co gallo do décimo aniversario da rúa inventada (pois dez anos despois ninguén retirara a placa), Modesto concedeu algunhas entrevistas aos medios nacionais contando, con esa graza natural que tiña, a curiosa historia da pasaxe e de como el era o primeiro sorprendido de ver como se convertera nunha rúa máis do barrio.

Pasou o tempo, e en xullo deste ano saía unha nova en eldiario.es que dicía: «Madrid pondrá el nombre de Tony Leblanc a la calle ‘autoinventada' de Modesto Martínez», noticia que Modes compartía nas súas redes cun «Isto é para enmarcar. Que honor». E a verdade é que, agora que o penso, quizais este sexa un bo final para esta historia, pois hai uns días ese mesmo Modesto, o bo amigo Modes, marchou antes de tempo. E eu quero lembralo coa idea de que, por moi pronto que nos toque deixar este mundo, todos temos unha historia que merece ser contada (ou unha rúa que inventar!). Sit tibi terra levis, querido Modes.