Os xuíces non saben gobernar

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

CGPJ | EUROPAPRESS

13 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O título é tamén a conclusión. Non se refire a todos os xuíces e xuízas senón a esta quenda de xuíces que comanda o Consello Xeral do Poder Xudicial dende hai catro anos. Esta conclusión non é apresurada, levan tempo demostrando esta incapacidade para autogobernarse, de modo xenuíno nos últimos catro anos.

Téndese a responsabilizar ao PP de non querer acordar a renovación do órgano de goberno dos xuíces e certamente é deste partido a responsabilidade política última, empeñado en manter unha vantaxe nese poder que lle foi negada polas urnas no Parlamento do que, como depositario da soberanía popular, derivan todos os demais poderes, incluído o xudicial. Agora que todo o mundo observa o sistema institucional británico, é bo momento para reparar, por se houbera algunha dúbida, na preeminencia do Parlamento sobre calquera outro poder, incluído por suposto a Coroa británica.

Asombra un pouco que se eluda sinalar a responsabilidade colectiva dos xuíces que compoñen o seu órgano de goberno e moi especialmente a responsabilidade individual de cada un deles. A incapacidade para actuar, dialogar, acordar, desbloquear e se fora necesario adoptar medidas máis contundentes, pero non despois de catro anos —como ameaza o presidente— senón nalgún momento dos últimos catro anos. Todos eles fan parte por elección dunha institución que ten un marco normativo, regras e prazos aos que deben someterse como todos os cidadáns. O que observamos pola contra nunha parte deles, nesa minoría de bloqueo, é un partidismo declarado e militante, envolto en toga e adornado con puñetas, pero sobre todo un seguimento das tácticas filibusteiras do PP nesta cuestión que fan moi mal á credibilidade da súa profesión e por engadido a un poder do Estado. Acúsase aos políticos —con razón— de incapacidade para pactar asuntos importantes como a educación, pois con máis razóns hai que apuntar á responsabilidade dos xuíces do consello neste caso. Niso consiste a opinión pública e para iso posuímos e exercermos a liberdade de expresión. Tamén nisto aprender dos británicos segue sendo necesario.

Con estes antecedentes resulta absolutamente impropia a proposta do PP de que os xuíces nomeen o seu goberno sen intervención do Parlamento. O Parlamento son os cidadáns, os xuíces non son os cidadáns. Darlle máis poder do debido á corporación xudicial só serviría para acrecentar un problema moi ben descrito na literatura académica dos últimos 20 anos, o que popularmente coñecemos como a xudicialización da política, que afecta en diferente medida a case todas as democracias actuais.

A xustiza emana do pobo, di o artigo 117 da Constitución. O artigo 122 indica que o CXPX é o órgano de goberno do corpo único de xuíces e maxistrados e persoal de Administración de xustiza e na súa elección intervén o Congreso e o Senado. A xudicatura non pode seguir defraudando a confianza constitucional que se lle outorga.