A tiranía do colexio

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Marta Fernández Jara | EUROPAPRESS

12 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaia por diante que pertenzo a unha marabillosa comunidade escolar de persoal docente, administrativo, alumnado e responsables da cativada. Botamos o verán co grupo de clase de WhatsApp inactivo. Parece unha parvada, pero é moi significativo. Na reunión de comezo de curso non houbo sobresaltos: a mestra comentou, fixéronse poucas preguntas, despedímonos.

Pensarán: que aburrimento! Así non podo contarlles os problemas de infantil coas merendas, con teorías que valoran marcar o que tomen a diario no recreo, fomentando unha alimentación sa, ou deixar liberdade e queiran papar o dos outros, que sempre gusta máis. Mal tamén o de facer unha ringleira para entrar no cole, non están no exército. Xa non falamos da tiranía do mandilón. Pobres! Nós non vestimos de mandil todo o día. Claro que temos trinta ou corenta anos máis e non nos enzoufamos dese xeito, pero é igual, o mandilón mal. Moito mellor frotar na casa a roupa, ata que esgaza, porque non hai xabón que elimine a pintura lavable. E por favor, un pouco de organización, que non sabemos nada aínda da excursión de fin de curso. Non fagan coma co material escolar, que se pide ao comezo das aulas e pasamos apuros. As papelerías teñen colas inmensas e non pechan a mediodía. Ah! Pero resulta que ao meu cativo lle gusta o amarelo. O estoxo de ceras de 12 pode ser de distintas tonalidades da mesma cor? Non se especifica na lista!

Enténdase, por favor, a ironía, mais sería interesante que antes de protestar atendesen unha semana unha clase de infantil.