Isabel supera a Vitoria e a monarquía británica «goes on»

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

STR | EFE

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A raíña Vitoria (1840-1901) reinou 61 anos no Reino Unido e no imperio británico e marcou unha época enteira. Foi a emperatriz dun imperio mundial en expansión por Asia e África. Isabel II tamén marcou unha época, pero superouna no tempo de reinado (1952-2022). Viviu para celebrar o que ninguén lograra: 70 anos no trono. Ambas as dúas foron máis símbolos que poderes reais, aínda que, polo que imos sabendo de Isabel a través de biografías nada autorizadas e memorias de antigos primeiros ministros e colaboradores, exerceu máis poder do que imaxinabamos. Peculiaridades dunha monarquía non constitucional que xa só falaba por boca do primeiro ministro mentres Alfonso XIII seguía a borbonear. A película (The Queen) e a serie (The Crown) foron toda unha revelación de segredos e tiveron un éxito case planetario no que vai inscrito o propio triunfo da monarquía británica.

Non sabemos como tratará a Historia a Isabel cando haxa tanta distancia como temos con Vitoria, pero o que todo o mundo vai dicir hoxe é que estivo á altura da institución e aínda logrou elevala máis, superando intres moi difíciles para o Reino Unido e a Coroa. Superou a fin do Imperio e logrou seguir sendo raíña de un bo feixe de repúblicas do mundo coa axuda da Commonwealth. Esa institución que aquí non damos traducido ben, porque está baseada en lealdades e identidades comunitarias elevadas a escala global e, por suposto, na forza mundial da lingua inglesa e na lonxanía, por iso Irlanda nunca formou parte. Transitar a descolonización ao longo dos anos cincuenta, sesenta e setenta significou para Isabel asumir a multiculturalidade dun Reino Unido que xa é interétnico a todos os niveis. Abonda ver a composición do último Goberno. O límite da multiculturalidade está na propia Corte. A impostura ben levada é seguramente unha das grandes virtudes da raíña e da súa monarquía. Esa capacidade de encaixe e adaptación non ten que ver, como adoita dicirse en monarquías como a española, cunha cuestión de profesionalidade, senón precisamente de realeza.

Que é iso? Un misterio, como tantos outros, como o mito de Santiago, como as relixións. E máis neste caso no que a raíña tamén é a cabeza da Igrexa reformada de Inglaterra, o que lle outorga un papel simbólico suplementario. Porque non deixa de ser un misterio a aceptación presente da monarquía británica e de Isabel, que pode medirse mesmo en termos de mercadotecnia e ventas. O misterio envolto en pompa e desfiles vistosos non é visto como unha falsidade, só como cousa do pasado que segue gustando no presente.

Pero non todo é pasado. Unha das capacidades de Isabel —como antes Vitoria— foi lograr incorporar novidades (progresos) do seu tempo. O mundo pop dos Beatles e a mocidade contestataria, pero tamén, aínda que foi máis difícil, asumir a rebelión punk dos Sex Pistols sen censura. A súa capacidade para deglutir fracasos e superar naufraxios non ten parella. Logrou mesmo converter nunha baza a prol da monarquía a morte da princesa destronada e afastada da Corte, abondoulle un paseo que nunca dera ata as portas de palacio.

O éxito de Isabel tivo moito que ver coa súa coherencia respecto dunha sociedade de clases moi marcadas, entre as que é posible transitar con permiso da raíña. Un mundo social no que a aristocracia logrou manter un papel, a diferenza doutras sociedades máis igualitarias como Suecia, Holanda ou mesmo España. Politicamente, a monarquía británica foi unha garantía de unión imperial na diversidade nacional e cultural entre Inglaterra, Gales e Escocia. Irlanda non quixo saber ren. Despois das dúas guerras mundiais, da descolonización e do brexit, os retos do novo rei estarán máis na illa que no desaparecido imperio. Entenderao?