Outro comezo do curso escolar político

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

06 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mágoa que unha vez máis se utilice o inicio do curso escolar para desgastar politicamente ao Goberno que corresponda. E este ano tócalle aos dous que nos afectan: autonómico e central. Contra a Xunta de Galicia búscanse indicadores, supostamente negativos, que teñan impacto social, como é o caso do descenso do número de profesores. Pero este dato, de xeito illado, non é significativo, pois depende da baixada do número de alumnos, que foi moi alta, e tamén da reorganización de centros en función dos movementos da poboación escolar. A falta de aprobación dos novos currículos tampouco é un problema importante, pois os docentes saben perfectamente o que teñen que ensinar en cada etapa, tendo en conta ademais que os programas oficiais veñen sendo desde sempre o mesmo can pero con distinto colar. E cada vez máis extensos e complexos, impedindo aos mestres centrarse no esencial e obsesionándoos con ter que cumprir obxectivos secundarios e seguir ao pé da letra libros de texto que deberían ser un apoio e non unha imposición.

Galicia está moito mellor cá media estatal en número de alumnos por aula, en fracaso escolar, en gasto medio anual por alumno, en taxas de escolarización en educación infantil ou en formación profesional. No programa PISA atopámonos por riba da media da OCDE e en equidade educativa á altura dos países de máis éxito educativo da Unión Europea. Con estes datos e tendo en conta que os máximos responsables da Consellería de Educación coñecen á perfección o sistema educativo, o comezo de curso non debería supoñer ningún problema, máis alá dalgúns casos puntuais, inevitables por moi boa que sexa a planificación.

Arremétese contra o Goberno de España coa crítica aos principios da Lomloe e o retraso no seu desenvolvemento, que afecta tamén ao inicio de curso. Porén, esta situación xa é clásica e cada vez que cambia a cor política o Executivo entrante fai unha crítica durísima da norma posta en vigor polo saínte e promete solucionar tódolos problemas con outra reforma. O novo ministro encantado, porque pode pasar á historia e, sen consenso xeral ou aínda peor, con afán de desquite, inicia a elaboración doutra lei que vai ter os días contados.

Con oito reformas ás costas, os docentes, verdadeiros protagonistas, están fartos de reformas, de cambios de currículos ou como consecuencia de libros de texto e tamén de inicios de curso nos que o único que se pretende é politizar algo tan importante como é a educación.