Gorbachov adeus ás armas e á URSS

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

06 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasamento de Mijaíl Gorbachov merece atención. Fanse tantos perfiles contraditorios estes días do personaxe que confunden a calquera; uns están tan pegados ao momento presente que non ven un burro a tres pasos, outros ancorados en nostálxicas querenzas ideolóxicas de diferente signo só se preocupan de levar a auga ao seu muíño. Certamente, a historia fana os vencedores, pero neste asunto do papel histórico de Gorbachov aínda non temos claro quen venceu. Falta perspectiva histórica, por moito que xa pasaron tres décadas da fin da URSS. A historia é algo diferente ao simple paso do tempo.

O relato dos vendedores inspírase no principio popular de que cada quen fala da feira segundo lle foi nela, pero neste asunto seguimos sen saber ben como foi nin quen gañou. Hai demasiadas dúbidas sobre en que deparou o resultado da acción política de Gorbachov, acrecentadas neste momento actual pola volta da guerra quente imperialista a Europa, a volta á guerra fría entre superpotencias mundiais, agora entre China e Rusia por un lado e Estados Unidos —sempre— polo outro. Da globalización estamos pasando tamén a que rachen os mercados mundiais de cereais, de enerxía e posiblemente axiña outros máis. En risco a democracia avanzada, os dereitos humanos e os seus valores universais, a cuestión é que foi logo dos cambios iniciados en 1989 coa caída do Muro?

Ese é o contexto no que debemos preguntarnos por Mijaíl Gorbachov. A súa memoria está directamente vinculada ao esforzo da nomenklatura da URSS por buscar unha saída dende dentro do sistema soviético a un réxime acabado e constatadamente derrotado na estratexia da guerra fría. Entre a morte de Brezhnev e a chegada de Gorbachov pasaron tres anos en que os dirixentes da URSS parece que chegaron a algunhas conclusións: necesitaban un dirixente máis novo que os anteriores, precisaban preparar unha evolución interna do sistema que garantise o benestar dunha sociedade descontenta e, de ser necesario, mesmo o pluripartidismo democrático real como saída política a un réxime bloqueado.

Gorbachov protagonizou esa singradura transformadora que coñecemos como perestroika, que tiña no glasnost —traducido como transparencia, pero que ademais implicaba opinión pública e liberdade de expresión— o instrumento de verificación da súa política. Un debate que arrinca da mesma revolución de 1917.

A iso hai que engadir unha convicción absoluta na paz como obxectivo estratéxico, por parte de Gorbachov, Gromiko e o seu grupo, constatada na renuncia ao uso do exército cando se produce a independencia das repúblicas bálticas, na retirada de Afganistán ou a sinatura de acordos de desarme inéditos.

O accidente de Chernóbil, cando Gorbachov levaba só un ano no poder, acelerou as súas conviccións sobre a necesidade dunha solución da crise interna do sistema; dito doutro xeito, fixo tomar conciencia de forma irreversible do perigosa que podía ser para a URSS e para todo o planeta a continuidade soviética sen mudanza.