Natureza, materias primas, enerxía

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

El lago Poopo, en Bolivia, afectado por el cambio climático
El lago Poopo, en Bolivia, afectado por el cambio climático DAVID MERCADO | reuters

30 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos en crise ecolóxica anunciada dende hai cincuenta anos, cando o Club de Roma informou dos limites do crecemento, e sabemos dende entón que vivimos por riba das nosas posibilidades ambientais. As nosas non, as da Terra como planeta. Diso acaba de falar Macron nun relevante discurso que bota de menos compañeiras alemás como Merkel pero conta con aliados nos Gobernos escandinavos e ibéricos. Por mágoa, no Reino Unido hai unha sede vacante agardando por un Churchill ou un Lloyd George deste tempo. Veremos se estarán á altura, como sempre acaban estando. Macron falou con claridade, pero escoitando as reaccións ao seu discurso reparo como a linguaxe política traballa o engano, por razóns ideolóxicas unhas veces ou por motivos tácticos outras. No asunto da crise ecolóxica do planeta a linguaxe descúbrenos o pensamento e a ideoloxía, tamén a ignorancia fanática. Se queren identificar a posición ideolóxica e política do seu interlocutor respecto da crise ambiental propóñolles un sinxelo exercicio de escoita activa. Descubrirán que uns falan de recursos naturais (todo o que usamos vén da natureza); outros de materias primas (definición clásica dos recursos usados para producir sen ter en conta a orixe); outros por fin falan cada vez máis de enerxía (desvinculando a luz da casa, o combustible de motores e a calefacción de calquera orixe natural).

Aos directamente negacionistas todo isto da crise ambiental parécelles unha trangallada de señoritos ociosos, pois teñen unha confianza absoluta nas capacidades da tecnoloxía humana para resolver calquera problema ao que nos teñamos que enfrontar. Mesturan no seu razoamento os superheroes de Marvel, a enxeñería do Mecano e os intereses da súa carteira de negocios. Razón esta que os fai confiables diante de moitos outros inxenuos. Os negacionistas son máis numerosos nas explanadas dos cafés e nos churrascos familiares que nos parlamentos ou nas universidades. O que xa é un indicador para saber se podemos acreditar neles.

Logo están os que prefiren acomodar todo aos seus intereses electorais. Non negan a crise ambiental pero tampouco actúan como se a houbese, a non ser que haxa un magro financiamento europeo que acompañe o asunto. Estes son os máis abundantes, son os que eliminan o Madrid Central para gañar unhas eleccións prometendo liberdade de circulación de todos por todas partes ou prometen eliminar o carril bici en Lugo, ou reclaman como tradición os atascos urbanos, ou simplemente non consideran prioritario garantir un transporte público sustentable.

Levamos 300 anos queimando carbón e petróleo como se non houbera mañá. Os niveis de benestar asociáronse nos últimos 70 anos ao dispendio de petróleo, gas, electricidade, cemento, agroquímicos e auga. Estamos en pleno naufraxio pero non podemos acreditar que o Titanic se afunda. Estase decretando o sentido común e hai quen protesta por non ter que pór chaqueta en verán e camiseta en inverno.