Libros prohibidos

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

SARAH YENESEL | EFE

29 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Corren malos tempos para a palabra, ou o que é o mesmo, para todas e para todos. A idade media, dalgún xeito, volveu. Ou quizais é que nunca marchara de todo. A recente agresión a Rushdie veu recordarnos que un dos dereitos inalienables que temos os creadores, que é o de dicir o que nos pete, está en perigo. Rushdie puido ter morto aínda que dalgún xeito está morto dende hai ben de décadas, dende que se ordenou o seu asasinato. Por aquí non se chega a ese extremo, pero cada vez son máis as voces que, amparándose nuns máis que dubidosos «sentimentos», conseguen que os que andamos na pluma nos preguntemos, antes de enviar o libro ás nosas editoriais, se vai aparecer berrando algunha mente espuria que diga que fala en nome dun deus e ordene a retirada do libro ou que non se nos lea nos colexios, por exemplo. Nos Estados Unidos xa está a pasar. E vou facer o vaticinio: pasará aquí. Déanlle nas urnas o poder político (con pacto, por suposto) á ultradereita e verán como aplicarán o famoso «pin parental» ás obras que o profesorado prescriba para as nosas crianzas.

En Florida, uns días despois de que o fanatismo relixioso acoitelase ao escritor inglés, publicouse a lista oficial de libros prohibidos nas escolas. Como o len. Queda pouco para que prohiban (xa saben, a liberdade relixiosa seica está por riba da ciencia) explicar a Darwin ou que a Terra é redonda. Nesa lista están obras fundamentais para a formación literaria de calquera ser humano. A lista é enorme, pero, entre outros, están O vixía entre o centeo, As aventuras de Huckleberry Finn, Matar un ruiseñor, toda a saga de Harry Potter, As uvas da ira, A cor púrpura, O señor das moscas, 1984 ou O señor dos aneis.

Os motivos (que non razóns) esgrimidos polas poderosas asociacións de pais e nais do país de Trump é que se ofrecen visións do mundo que ofenden os seus sentimentos relixiosos. Como ofendidos se sentiron os ayatollah cando Rushdie escribiu a súa novela. Non vexo a diferenza.

Insisto. Pasará aquí. Se chegan ao poder uns que eu me sei (hai lugares de España onde xa teñen responsabilidades en Educación) prohibirán nas escolas libros que por exemplo falen de feminismo e igualdade, ou de amor entre persoas do mesmo sexo, ou de temática trans. Pasará. Teño moi claro. Como teño moi claro que en cuestións educativas os pais e as nais temos ben pouco que dicir sobre os contidos. Poden gustarnos máis ou menos, pero terán que ser os que ditamine a Ciencia e a Pedagoxía, así como os valores democráticos que se supón que son os que guían a nosa sociedade. A «liberdade» das familias, para este asunto, pois como os libros en Florida: prohibida.