Luz Pozo Garza, unha homenaxe ben merecida

Olivia Tudela TRIBUNA

OPINIÓN

María Pedreda

14 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que A Coruña é desde tempos remotos un faro valioso nas rutas de expansión marítima e terrestre é cousa sabida no mapa cultural galego. Falo do mapa sen fronteiras nin raias, dunha punta a outra do noso país, cunha mesta rede que reborda a terra e alcanza o mundo da emigración galega.

Un acontecemento tivo lugar estes días: a homenaxe a Luz Pozo Garza na 51 Feira do Libro de A Coruña. A poeta fixo da feira a súa casa, visitábaa todos os anos, asinaba libros e participaba en múltiples actividades.

Por iso, Henrique Alvarellos tomou a iniciativa de celebrar esta festa luminosa polo centenario da autora. Con todas as da lei, pois reeditou, mellorándoo, o seu ensaio sobre Luís Pimentel; publicou a biografía de A. López e A. Pociña e os dous poemarios últimos, Rosa tántrica e Pazo de Tor. Quixo contar con escritores que acudiron á firma de libros de Luz en 2019, Lois Alcayde e Olga Patiño. E con membros de In Nave Civitas, activistas culturais coñecidos polas súas performances na cidade barco: Rodrigo Osorio, Teresa Ramiro, Pilar Silva e Xurxo Souto. Logrou unha valiosa achega dramática de Marta Pérez, de Alvarellos Editora. E foi requirido tamén Chema Ríos para a reportaxe gráfica.

Contou para compoñer o texto con quen escribe estas liñas, vella amiga e colaboradora. Fíxoo por moitas razóns, pero seica a máis acaída agora é por ser comisaria da exposición Constelación Luz, na Biblioteca de Galicia do Gaiás, que se poderá visitar ata mediados de outubro (cun programa, aínda en marcha, de conferencias ao que se sumou un concerto memorable de Gabriel Bussi, Sol de Medianoche, o pasado xullo). Arredor da carpa onde se desenvolveu o acto agarimaba un público tan numeroso que non sería estraño que acadase o orgullo de ser o acto máis multitudinario dos que está a ofrecer a Feira do Libro. Consistía este na teatralización dunha das famosas tertulias da cidade de principios dos anos 50, celebradas por unha maioría de artistas e escritores novos que fixeron cultura aproveitando certas fendas das canles oficiais daqueles anos e guiados por nomes rescatados da preguerra, como Álvaro Cebreiro. Así protagonizaron Atlántida, Vida Gallega (2ª época), actividades da Asociación Cultural Iberoamericana e espazos achegados: Librería Lino Pérez, con sala de exposicións; Asociación de Artistas, Trío Pro Musica, cadros dramáticos, etcétera.).

Alí estiveron representados a propia Luz Pozo Garza, Mariano Tudela, Pilar Cruz Echegoyen, Isabel Martínez-Barbeiro, Urbano Lugrís, Miguel González Garcés e Luís Seoane. Faltou Manuel María, que por causas familiares non puido estar nunha tertulia que frecuentaba —esta do Café Galicia do Cantón Grande, decorado con cadros de Lugrís—, para seguir animando á poeta a escribir poemas en galego para a colección Xistral de Ángel Xohán.

As intervencións dos personaxes servían de fío á lectura, sempre engaiolante, de obra de Luz Pozo Garza desta época, na que contou para os seus libros con Urbano Lugrís e Ramón Villar Ponte como ilustradores, publicou poesía nas revistas do grupo, foi socia colaboradora da ACI e asistiu sempre que viaxaba desde Viveiro con motivo das clases e a obtención do título de piano superior en 1951 no Conservatorio de Música e Declamación.

Así se escoitaron textos de El vagabundo (1952), O paxaro na boca (1952), Cita en el viento (1962) e de distintos números de Nordés nos que Luz Pozo Garza analizaba as claves de U. Lugrís, M. González Garcés e Luis Seoane. Foi este último quen pechou o acto entoando o Himno ao Orzán, acompañado de acordeón e a danza dos brazos dos asistentes.

Moitos anos de memoria Luz e medre o mar!