Invasión

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

15 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, mentres tomabamos algo en Compostela cunha das nosas fillas e mais o noso xenro holandés, un home da mesa do lado falou de invasión e colonización pola enxurrada de mocidade peregrina que ía cantando polas rúas as súas consignas cristiás. O seu comentario crítico, e coido que despectivo, prendeu o debate na nosa mesa. De primeiras, coincidimos en que as palabras eran esaxeradas e pouco respectuosas, aínda que o ruído case non nos deixaba falar. Agora ben, pouco a pouco decateime de que, cando o turismo se xoga na túa casa, sempre adoitas ser menos tolerante. A miña filla lembroume que, cando vivían nun mini apartamento que formaba parte dun edificio histórico de Ámsterdam, todos os días tiñan o fociño dalgún turista diante do cristal e, malia ser molesto, como vivir sen intimidade, non lles quedaba outra que aceptar esa invasión porque todos somos turistas e as cidades tamén viven desa suposta colonización. Agora ben, onde houbo un punto de encontro na mesa foi en cuestionar a xestión política de toda esa afluencia de peregrinos, porque o turismo non é o problema, senón o seu modelo. Crer que as cifras e a cantidade son un ben xeral e económico é esquecernos da calidade. Conciliar ambos os dous intereses e apostar por modelos menos invasores debe ser prioritario para uns gobernos encargados de garantir os dereitos dunha veciñanza desprazada, moitas veces absorbida por unha sensación de estrañamento na propia cidade. Coido que Compostela está a tempo de acoller un turismo saudable e sustentable, onde todo o mundo poida gozar dunha das cidades máis fermosas do mundo, iso si, respectando o dereito a vivir dos que a habitan e fan que non sexa só un museo aberto de pedra. Só así lle tiraremos a razón ao home do lado.