A menos alumnos, máis calidade educativa

Celso Currás EX CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN DE LA XUNTA

OPINIÓN

14 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un curso máis e de xeito alarmante descende o número de alumnos que entran no sistema educativo. Cada vez é máis urxente aproveitar esta realidade para deseñar un plan global que permita racionalizar os recursos e mesmo mellorar a calidade do servizo, que, aínda sendo moi boa en Galicia, pasaría a ser excelente. Non soluciona o problema continuar con medidas provisionais que cada día están a xerar máis diferenzas entre centros e desbalde de gasto público. Certo que un proxecto xeral que asuma a inevitable supresión de unidades, colexios ou servizos e de modificación da oferta educativa pode xerar conflitividade, pero esta quedaría eclipsada nun contexto de melloras moi demandadas neste momento pola comunidade educativa. En calquera caso, pospoñer as decisións non fai máis que agravar o problema cada novo curso.

A última revisión do mapa escolar galego foi hai un cuarto de século e desde aquela non deixou de diminuír o número de alumnos, ademais de desprazarse do contorno rural ao urbano e do interior á costa. Como consecuencia aumentou o número de concellos que contan con varios centros das mesmas etapas educativas, con matrículas moi baixas. Hai tamén oferta repetitiva de ensinanzas posobrigatorias na mesma localidade ou contiguas, mentres que faltan prazas para outras de máxima demanda. E as diferenzas entre zonas xeográficas no número de alumnos por aula son cada día maiores.

O deseño dun novo mapa escolar permitiría aforrar moito gasto público en persoal, recursos materiais, servizos complementarios (transporte e comedor) ou mantemento de centros. Pero este aforro non prexudicaría ao administrado nin tería por que retornar ás arcas públicas, senón que se reinvestiría en necesidades importantes que aínda ten o sistema. Hai dúas destacables: a diminución do número máximo de alumnos por aula e o incremento de persoal docente especialista en atención á diversidade. Aínda que a regulación da ratio máxima alumnos/aula corresponde ao Estado, Galicia podería aproveitar o constante descenso de matrícula para evitar que o número de alumnos chegue ao tope establecido nas zonas que aínda teñen alta demanda de escolarización.

É tamén petición insistente unha maior atención a alumnos con necesidades educativas especiais. A dotación de especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe ou Orientación non deixa de medrar, sendo necesario tamén un estudo rigoroso das carencias reais, co fin de cubrir as necesidades efectivas e evitar diferenzas inxustificadas de dotación entre centros.