Ribarteme, cadaleitos e párroco

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

13 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Marta, María e Lázaro foron tres irmáns moi queridos por Xesús, que levaron a súa mensaxe de redención á rexión da Provenza, en Francia. Ao chegaren, souberon que un monstro enorme chamado Tarasca tiña aterrada a poboación porque veciño que pillaba, veciño que papaba. Marta foi cabo del, orou e amansouno; e os veciños ao velo domado matárono e déronse de cazadores e valentes. O escritor Alfonso Daudet falou das prodixiosas aventuras de Tartarín de Tarascón, o máis cómico de todos, que foi cazar leóns a África e volveu coa pelexa dun, vello e cego, que uns mendigos levaban para pedir esmola. De Marta nunca máis se soubo ata que milagrosamente apareceron os restos en 1181 e gardáronse nun santuario.

En Galicia, onde tan preto estamos vivos e mortos, tiña que ser ben acollida unha santa como Marta, que pediu a Xesús volvese á vida o seu irmán Lázaro cando xa levaba catro días morto; e esa devoción maniféstase na romaxe secular de Santa Marta de Ribarteme, nunha procesión de cadaleitos con persoas que curaron coa súa axuda. Por primeira vez en moitos anos, a procesión non se celebrou porque un novo Tartarín de Tarascón, en figura de párroco, non a permitiu. O párroco podería empezar por corrixir a oración na que se confunde á María irmá de Marta e Lázaro, sempre ensarillada nos labores do fogar, con María Magdalena e aparece como lixeira de cascos; pero esa débelle de parecer caza menor, que el veu pola pelexa do león.

Di o párroco que o seu é evanxelizar e non fomentar folclores, bruxerías, e supersticións. Supoño que ao dicir «folclores» pensa en espectáculos turísticos, e eu pregúntome como verá a celebración do Corpus en Toledo coa banda municipal en plan charanga e a Tarasca, xigantes e cabezudos meneándose que dá xenio velos. Ou os aplausos, bravos e vítores que premian o voo do botafumeiro na catedral de Compostela. Un cazador destemido poñería o berro no ceo contra estas transformacións de festividades relixiosas en turísticas, pero o párroco de Ribarteme non dará un chío. Ignoro por que fala de «bruxerías», pero sospeito que tampouco el o sabe. En troques, sei por que fala de superstición na procesión dos cadaleitos: porque non entende que o que para el é superstición, para os crentes que van na procesión é fe. Unha fe sinxela, escenificada dun xeito moi galego. Nada que ver coas horrendas procesións de disciplinantes, que a Igrexa protexe. Entenderíao se falase con calquera dos nosos etnógrafos, pero como Tartarín actúa con soberbia; o pecado máis pecado dos pecados capitais.