«Sentinme unha ovella no medio dun tecido de lobos»

Cartas al director
Cartas al director CARTAS AL DIRECTOR

OPINIÓN

MARCOS CREO

06 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Quero deixar de ter medo á noite 

Antes non tiña pensado no acto máis violento que podía sufrir. E refírome, co de antes, aos anos que vivín en Santiago e en Madrid. Saía e entraba, coñecía, falaba e bicaba sen maior reparo que o propio sentimento cara a persoa que tiña diante. Facía e desfacía. E si, volvía soa á casa pola noite. Porque o que eu decidía era vivir no sentido extenso da palabra. Decidía relacionarme sen medo tanto coa xente coma co espazo.

Polo mediado do mes de xullo fun de viaxe a unha cidade do norte con tres amigas. Coma se co solpor espertasen cen monstros de golpe, sentinme unha ovella no medio dun tecido de lobos. Na noite só quixen que fose día. Só quixen regresar ao piso franco da miña amiga Mar, pechar a porta e sentirme a salvo das submisións ás que, quen queira, pode someterme. Teño unha sensación de indefensión que nunca experimentara, e sinto moita vergoña de contarlla ao meu círculo próximo. Non quero ir xunto a miña nai e dicirlle que sinto medo de que me violen despois de «sufrir un calambre», porque sei que me educou para que pensase diferente.

Quero ser cidadá de pleno dereito. Non reclamo nada máis que todo o que vai dito entre e por enriba das liñas dos artigos que reforzan este dereito. Necesito non crer que esta vai ser a nova eu que me acompañe. Necesito non desandar os pasos que dera na miña percepción de seguridade. Necesito deixar de ser unha ovella. Laura Pardeiro Álvarez.