A arte de ben ler

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

06 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Esmorecía a ditadura de Primo de Rivera cando Valle-Inclán, detido por negarse a pagar unha multa foi levado ante o xuíz, que lle fixo as preguntas de rigor:

   - ¿Profesión?

    - Escritor.

   - ¿Sabe usted leer y escribir?

   - No.

   - Me extraña su respuesta.

   - Más me extraña a mí su pregunta.

Tiña razón o Valle insolente que, si, escribía de marabilla e lía tan ben que cando o facía en público engaiolábao. Porén, no título do artigo non aludo a ese saber dicir do lector; nin tampouco ao saber escoller as lecturas pola cualidade; e nin sequera me refiro á comprensión lectora e o pensamento crítico necesarios para descifrar un texto, que psicólogos e sociólogos advirten como carencia na sociedade actual. Falo, simplemente, de enfrontármonos ao texto sen prexuízos e con vontade de entender o dito polo autor. Claro que lectores distintos, igualmente obxectivos, podemos facer dun mesmo texto distintas interpretacións. E nós mesmos en momentos diferentes. Hai anos participei nunha lectura de poemas de Rosalía e elixín Unha vez tiven un cravo, de Follas Novas, que tiña por un texto dramático; pero aquel día pareceume humorístico e como tal o interpretei e o público riu porque na miña voz así o percibiu.

O problema para ben ler está na arrogancia e no dogmatismo do lector. Da arrogancia falou Ortega cando explicou que despois de pasar días matinando o contido dun artigo e días analizándoo e dándolle forma, en canto saíse publicado, alguén que o lería nun minuto na barra dun bar, diría: «La de tonterías que escribe este badulaque». Do dogmatismo, sectarismo e fanatismo temos infinitos exemplos no fútbol. Se ante unha xogada vista repetidamente nunha gran pantalla no estadio, xogadores, corpo técnico e afeccionados dun equipo botan as mans á cabeza porque ven penalti, e os do equipo contrario porque ven «piscinazo», compréndese que un texto político provoque interpretacións enfrontadas nun país en que a política se vive coa mesma paixón que o fútbol. A cousa resulta cómica cando as opinións non teñen maior transcendencia e podemos dicir que «en política todos somos o mestre Cirola, que non sabía ler e puxo escola»; pero resulta tráxica en guerras, golpes de Estado e ditaduras.

Na ditadura militar en Arxentina (1976 -1983), un torturador díxolle ao sacerdote preso OrlandoVirgilio Yorio: «Usted tiene una desviación teológica porque cuando el Evangelio habla de los pobres, se refiere a los pobres de espíritu. Y usted se ocupa de los pobres materiales, y los organiza».

Naquelas circunstancias o torturador era quen lía ben.