As poucas luces

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

PP DE MADRID | EUROPAPRESS

03 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Robert A. Heinlein foi un escritor de ficción científica estadounidense que unha vez dixo: «Tárdase menos en influír nun milleiro de homes apelando aos seus prexuízos que en convencer a un só empregando a lóxica». O autor soltou a frase a mediados dos anos sesenta do século pasado anticipando o que sería a política mundial no século XXI: unha clase política que sabe que xa non hai que dirixirse ás cabezas dos votantes. Nin sequera aos seus corazóns. Hai que falarlle directamente ás vísceras. Diso saben moito Trump, Bolsonaro, Viktor Orbán, Vox ou a presidenta da Comunidade de Madrid. Manexan mensaxes simples, directas coma un chío do Twitter, nas que se interpela a prexuízos, ideas preconcibidas ou, directamente, a desexos. Dicir: «España primeiro» non significa nada, pero vai directa a mensaxe a esa zona do bulbo raquídeo onde habitan os nosos instintos tribais. Dicir que o motivo polo que a túa avoa non ten unha boa pensión é porque os menas quedan cos cartos, ademais de ser unha falsidade e de xuntar dous temas que nada teñen que ver, implica excitar os impulsos primarios relacionados co odio atávico a quen é diferente e nos pode atacar.

As consecuencias de que a política se infantilizase tanto, de que a lóxica, a racionalidade, o sentido común, os datos, estean fóra do debate, só poden ser malas. O pobo colócase en mans de xente, hai que dicilo así, moi burra dende un punto de vista político, pero moi ambiciosa dende un punto de vista persoal. Son xente perigosa rodeada de xente igual de perigosa. Candidatas e candidatos capaces de hoxe facerse unha foto cunha asociación de defensa dos animais e mañá acudindo aos touros cun puro. Hoxe cantando o Imagine de Lennon pola paz e mañá asinando un real decreto para mercar máis armas ou, peor, para venderllas a calquera país en guerra para que se maten entre eles e o negocio non pare.

O último, de momento, caso escandaloso son os motivos que aduciu Ayuso para non cumprir as indicacións do Goberno central ao respecto do aforro enerxético. Nada de apagar os escaparates pola noite para aforrar porque, segundo ela, produce «pobreza» (non é certo, pola noite están pechados) e, agora vén o bo, «oscuridad y tristeza». O da escuridade, claro, diso se trata. Pero apelar á «tristeza», ou como en plena pandemia fixo reivindicando a «alegría de poderse tomar unas cañas en Madrid» cando se pedía prudencia e que todo estivese pechado, é aplicar este tipo de «lóxica» política que vulgariza o discurso, infantiliza a poboación e, o peor de todo, fanatízaa. Cómpre darlle unha volta a todas estas ilóxicas políticas que soportamos.