Sectarismo, partidismo e profesionais competentes

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

FERNANDO ALVARADO | EFE

02 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Barreiro pisoume literalmente o asunto da idoneidade do novo fiscal xeral do Estado. E ben pisado. A reacción do PP diante do nomeamento de Álvaro García Ortiz foi tan sectaria e partidista que buscando comparacións lembrei á reacción típica daquela extrema esquerda que xa non existe cando a socialdemocracia propón unha reforma fiscal progresiva: non pasar por nada que non sexa unha revolución en nove anos para a abolición do capitalismo e, xa de paso, non pasan por nada que non sexa ver aos compañeiros ocupando todos os postos. Cuspidiños.

Ao PP e outros partidos e partidiños iralles moi ben así pero as institucións non poden funcionar —tampouco as autónomas galegas— con ese grao de partidismo. Tampouco sei se lle vai ben ao PP con esa práctica; vaille ben, si, aos grupos de afiliados aspirantes a cargos, clientelas na linguaxe académica do século pasado, camarillas na linguaxe política liberal do século antepasado. Peor que o partidismo é o sectarismo que nega por principio a quen non é dos teus e que actúa de pedagoxía negativa para a cidadanía. Ao cabo os partidos teñen o dereito e a necesaria función de recrutar persoal político; poden facelo ben mal ou regular pero non hai outra forma mellor. Vainos moito en que o fagan ben.

Como Barreiro, coñezo ao novo fiscal como profesional de ter colaborado en actividades académicas relacionadas co mundo rural e a historia do pasado incómodo, propias dos meus campos de investigación. Pero tamén por termos coincidido en actividades asociativas voluntarias das ANPA públicas compostelás ou de asociacionismo estudantil internacional. Aprézoo como cidadán activo que contribúe interesadamente a esforzos colectivos. Interesada e non desinteresadamente, como adoita dicirse dende unha cultura máis relacionada coa caridade que coa cidadanía. Un demócrata con ideas que constrúe sociedade civil, participando en asociacións voluntarias cidadáns non me parece mala base para entender a sociedade dende un cargo público de tanta responsabilidade.

A independencia funcional de Álvaro García está tan probada como acreditada a súa competencia profesional en asuntos como o Prestige, os incendios forestais ou os dereitos de uso público da costa. Por iso e polo seu bo facer foi o máis votado nas últimas eleccións ao consello fiscal, pese a agruparse na asociación minoritaria de fiscais, de nome progresista. As acusacións dirixidas á súa persoa polos voceiros do PP e algúns partidos e partidiños non casan nin coa reputación do seu traballo nin coa súa coñecida discreción. Para os que coleccionen acusacións maldicentes que saiban que xoga ao baloncesto. A min lémbrame algúns dos mellores fiscais xerais do pasado, como os galegos Manuel Iglesias Corral ou e Francisco Javier Elola Díaz-Varela.