Quero ver morrer tranquilo ao meu pai

Cartas al director
Cartas al director CARTASALDIRECTOR

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

25 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Intimidade dos pacientes terminais 

Hai uns días publicouse un artigo no cal se falaba de que o Hospital Clínico Universitario de Santiago aprobaba un protocolo para asegurarse de que pacientes oncolóxicos terminais puidesen ter un entorno individual nun momento de duelo para evitar que os enfermos veciños tivesen que verse expostos á dor da familia.

Eu non sei se ese protocolo está activo agora mesmo ou non, pero son un fillo despedíndose de seu pai e podo asegurar que non se garante de ningunha forma o benestar mental dos compañeiros de habitación.

Primeiro tivemos como compañeiro un paciente con covid que tivo que estar vendo durante os últimos días o deterioro do noso pai, que por desgraza tamén sofre de coronavirus. Ese home por fortuna mellorou, e aínda así estaba chorando todos os días e facendo o mínimo por molestar só polo estado do noso pai.

Agora nos momentos finais, cando nos quedan un ou dous días como familia completa, tráennos para a habitación outro compañeiro distinto. Presentamos unha reclamación unhas horas antes na que explicabamos a situación, coa esperanza de poder ter intimidade nestes momentos, pero non tivo ningún efecto.

Se existe ese protocolo, é porque se recoñece unha necesidade para pacientes coma noso pai. Pacientes, e sobre todo acompañantes, que necesitan o seu momento de despedida. Da mesma forma que os demais pacientes tamén necesitan mellorar dentro dun ambiente e contexto que sexa o máis favorable posible para eles. Adrián Collazo.

 Hai que enterrar o galego

Nunha actuación de Quico Cadaval, o PP de Baiona criticou que se fagan actos no «dialecto» galego na tempada do turismo e tivo despois que rectificar tras o escándalo que supuxo cualificar o galego de «dialecto».

O realmente letal é a mensaxe de fondo, que o PP non rectificou: «Temos que agochar o galego, sobre todo diante da xente de fóra». E a gran maioría da xente galega, do PP ou non, así o fai, xustificándose cuns argumentos simplistas e perversos baseados nunha suposta «cortesía» ou en que «as linguas só serven para nos entendermos».

Actuando así, ocultando o galego, o resultado está á vista: o castelán é hoxe a lingua absolutamente hexemónica e normalizada en Galicia e o galego, por moi idioma que sexa, está a agonizar na súa terra. O lamentábel é que, se o PP non usase a palabra «dialecto», non habería escándalo nin noticia. Xosé Carlos González Añón. A Coruña.

  Sen campo non se pode vivir 

Despois de ver xa desde hai moito tempo como o campo se vai esvaecendo pouco a pouco sen que a ninguén lle importe, os que vivimos e traballamos nel non podemos seguir soportando este máis tempo. Desde que eu era pequena vin como o meu pobo foi minguando debido a que para todo hai dificultades, desde facer unha casa ata meterse na agricultura. Hai un montón de burocracia que o único que fai é que a xente non aposte por oficios como agricultura ou gandería. O que me parece xa definitivo é que vaian prohibir o regadío do río ou dos charcos. Xa hai poucos agricultores e con todo o que fan no futuro non haberá ningún, entón, que farán os mandatarios? Comprar todo a outros países?

Antes de decidir esta proposta deberían ter unha alternativa. Poñer un regadío para que a xente poida seguir co seu labor.

Sen agricultura e gandería non pode sobrevivir un país, tantas trabas para uns e ningunha para os intermediarios que fan o que lles peta cos prezos dos produtos pero niso ninguén se fixa, ata que chegue o momento no que xa non se poida facer nada.

Sen campo non se pode vivir. Se non hai xente no rural non haberá quen manteña os montes limpos. Se hoxe hai incendios, que pasará no futuro?

Hai moito que cambiar para reverter a situación. Pero todo é posible. Empecemos xa. Sandra lama.

 Propoño: os coles deben impartir clases de baile galego

Os bailes tradicionais galegos son danzas ancestrais froito da influencia dos numerosos pobos que habitaron as nosas terras e que se transmitiron de xeración en xeración. Son unha boa fonte de creacións sociais que ten a finalidade de preservar parte da cultura, tradición e historia de Galicia. Pódense encontrar varias academias e asociacións folclóricas fóra da comunidade, de feito, hai varios grupos en Madrid e en Andalucía profesionais nesta materia. De igual modo, cada vez vemos a máis xente que se apunta nas asociacións tradicionais que ensinan as distintas prácticas (baile, canto e percusión, gaita, tambor...). Algo que fai que sintamos, os que formamos parte destes grupos, que aínda hai esperanza de que as novas xeracións sigan os pasos dos que estamos agora.

Pero é inevitable ver que o 80 % das persoas que participan e veñen a ver as actuacións teñen mais de 40 anos. Incluso nos propios seráns e foliadas. Resulta un pouco inquietante esta tesitura, sobre todo ante a indiferenza da xuventude. Creo que isto se debe a unha falta de coñecemento e experiencia que fai que non a poidan apreciar na súa totalidade.

Unha boa forma de incentivar e poñer en valor o noso patrimonio é levando ao sistema educativo esta ensinanza. Varios centros da nosa comunidade xa teñen implantada unha actividade extraescolar dedicada a esta práctica. Pero non é suficiente. Débese mostrar e ensinar dende este ámbito o que nos rodea e o que nos fixo como pobo. De modo que se poida recuperar o seu uso como medio de relacións sociais e divertimento.

O noso baile tradicional forma parte do patrimonio cultural de Galicia, por iso debemos contribuír todos a mellorar no contexto actual da súa globalización. Sara piñeiro. Cangas do Morrazo.