A Coruña reclama a Galicia urbana

Inés Rey ALCALDESA DA CORUÑA

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

25 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouca xente sabe que a primeira celebración do 25 de Xullo como Día de Galicia tivo lugar onde teño a honra de ser alcaldesa: A Coruña. En 1920. Tamén moita xente descoñece que a primeira vez que a bandeira galega ondeou nun edificio gobernamental foi aquí. Hai moitos exemplos máis do noso peso en defensa de Galicia como nacionalidade histórica, do seu autogoberno. Non hai A Coruña sen Galicia, e viceversa. Menosprezarnos. no relato común equivale a amputar a comunidade, renunciar ao liderado que sempre imprimimos.

Neste 2022 cumpríronse 40 anos do coñecido como «conflito da capitalidade». A Coruña reclamou ser a sede da Xunta e que Santiago do Parlamento. Finalmente, a autonomía concentrouse en Compostela, e só mantivemos o que acabou sendo o TSXG. Os socialistas intentamos abrir a porta a instalar a sede de consellerías por diversas cidades, pero a lexítima maioría opúxose. Iso abriu unha fenda entre a Administración autonómica e a nosa cidade, non moi diferente á que despois aconteceu na outra urbe que exerce con nós de combustible do país, Vigo. Isto nunca significou renunciar á nosa galeguidade, pero si provocou unha reacción contra que se nos consideraran menos galegos por ter tamén identidade local.

O debate que se chama «capitalidade» está pechado, que ninguén me malinterprete nesa gran cidade que é Santiago e menos o meu amigo e alcalde Sánchez Bugallo. Pero desde a madurez destes 40 anos —son tamén os meus— este 25X invita a ir máis alá, a corrixir a cultura política que asenta a autonomía, que non pode desconfiar das súas grandes cidades, que ten que estar coa realidade de 2022.

Nestes tres anos que levo na alcaldía da Coruña fomos quen de desbloquear desde o Concello temas fundamentais, como o novo Chuac ou a intermodal, facendo así evidente a nosa aposta polo diálogo e os acordos coa Xunta, sen partidismos. Pero iso non eclipsa a certeza de que imos con retraso, hai anos que esas e outras cuestións tiñan que estar resoltas. A miña man sempre estará tendida ao presidente Rueda, en San Caetano sábeno. Pero a lealdade institucional non é incompatible coa esixencia clara en defensa dos intereses da Coruña, que son tamén os de Galicia.

Debemos coidar o noso rural, ese que sofre no Courel e Valdeorras, pero Galicia é tamén xa unha sociedade urbana, onde se instalan ou se fundaron empresas punteiras a nivel internacional. Conta cunha cultura propia que temos que ver como vantaxe, e desde aí reivindicarnos e avanzar en toda a nosa pluralidade. Somos moito máis que unha postal, temos un futuro que non podemos reducir a un camiño turístico, sen negar a súa relevancia.

Contra a sensación de que a nosa autonomía desaproveita a potencialidade da Coruña e contra a sospeita ben fundada de que as cidades-motor non son tratadas como corresponde polo Goberno autonómico, coido que chegou o momento de axustar o paradigma, de deixar de reducir o país, en definitiva, cómpre desconcentrar a autonomía, dotala dun maior contexto de innovación e progreso. Iso sempre foi e será o que propón A Coruña, onde naceu e comezou ondear con todo orgullo a bandeira de Galicia.