Como se consegue a admiración

Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia OPINIÓN

OPINIÓN

25 jul 2022 . Actualizado a las 13:35 h.

Hai persoas que son apoios e están moi ben. Hai persoas que poñen luz e son imborrables. E hai persoas que son piares na vida e no traballo e convértense en modelos para sempre. Francisco Ríos é todo iso. Nos máis de 40 anos que estivo facendo aboiar cada día a redacción de La Voz de Galicia deixou a súa pegada en xeracións de periodistas, e todos o viron como un apoio, unha iluminación e un piar. Hoxe mesmo, seis anos despois da súa xubilación, segue a ser un modelo continuamente citado. E del gardan todos admiración, respecto e afecto.

A admiración non se pode impoñer. Non a dá a posición nin a preeminencia nin a xerarquía. Nin tan sequera, con ser boas, depende da sabedoría ou da experiencia. É un don que conceden os demais só a aqueles que ven distintos e mellores. Se cadra por iso, adoita pasar que é máis doado admirar a alguén que está moi lonxe, noutra esfera, ca a quen tratamos de preto acotío, porque os brillos cando se achegan esvaecen. Pero non. Aquí, neste microcosmos da redacción, non esvaecen: todos admiramos a Paco. Tan preto e tan grande.

Admiramos ao mestre. A el non lle gusta esta palabra a carón do seu nome, porque o primeiro signo do seu carácter é non atribuírse mérito ningún. Mais a realidade non está de acordo con el. Recoñécelle moitos. O da serenidade de xuízo, tan necesaria para afrontar mesmo os acontecementos máis adversos. O da ecuanimidade, que vén ser máis valioso có da simple xustiza cega. O do respecto polo que hai que contar: sen atallos nin reviravoltas nin lerias, porque —é outra das súas leccións— os periodistas pescudan, pero non supoñen.

E admirámolo pola capacidade que ten de busca. Quere dicir: dubidar ata dar coa resposta segura (se é que existe). Así fixo na elaboración do Libro de estilo de La Voz de Galicia, que eu considero a súa obra sobranceira. E a nosa. Comezou a traballar nel aló polo ano 2000, e tantos anos despois podo asegurar que non avellentou. Pola contra, é o máis actual que coñezo, e mesmo en moitos aspectos vai por diante en solucións novas que a sociedade introduce ou demanda. No Libro fálanos das palabras e do seu uso, pero, sobre todo, fixa un modelo que ten un gran signo distintivo: marcar as regras do xornalismo de calidade.

Hoxe, a palabra calidade arrimada á de xornalismo é máis necesaria ca nunca, porque desde a irrupción dos novos soportes e a bendita facilidade de comunicación que dan, tamén hai máis altofalantes que se afastan de conceptos vellos como veracidade, compromiso, apertura, pluralidade, respecto, ética, elegancia. Seguramente, no próximo futuro os medios de calidade diferenciaranse dos de refugallo en que teñen eses conceptos e ese ánimo no seu ADN.

En La Voz de Galicia témolos ben marcados. Están na nosa vontade do traballo diario e son o motivo e a alma do noso Libro de estilo. Todo o que se contén nel obedece a ese desexo de manter vivos e anovados os principios polos que se fundou esta Casa hai 140 anos. Compromiso, altura e servizo. Por iso deprendemos tanto do seu autor, Francisco Ríos. E por iso o admiramos.