A voltas coa memoria democrática

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Alberto Ortega | EUROPAPRESS

22 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É un mantra que o PP leva anos repetindo: non hai que facer unha Lei de Memoria Histórica. Ayuso acaba de dicir que «legislar la memoria es antidemocrático», e Feijoo, nos actos de homenaxe a Miguel Ángel Blanco, que «trabajará para derogarla cuanto antes».

 Lexislar sobre a memoria é máis que necesario e é, precisamente, un exercicio democrático. En todos os países que teñen unha memoria complexa, como hai aquí, o tema está máis que lexislado. Sempre poñemos o exemplo de Alemaña porque é o máis parecido que temos. Como en España, sufriron a barbaridade dun réxime comandado por un fascista (Hitler, Franco). Como en España, crearon unha simboloxía totalitaria que se impuxo como obrigatoria (esvástica, bandeira coa aguia). A diferenza é que mentres que en Alemaña, ao estar a memoria ben lexislada, se alzas o brazo co saúdo fascista te meten no calabozo, aquí existen fundacións como a dedicada ao ditador Francisco Franco e moitos axitan as bandeiras preconstitucionais amparándose nunha suposta liberdade de expresión que, cando menos nestes casos, non debería ser tal.

Por que é todo tan distinto nos dous países? É doado de entender. En Alemaña o nazismo foi derrotado. En España o ditador morreu na cama e foi soterrado con honras de xefe de estado dignísimo, cun rei de loito e coas forzas políticas, económicas e mediáticas ao seu favor. Forzas, todas elas, que axiña se reconverteron en «demócratas de toda a vida» para que nada, na medida do posible, cambiase.