Baixar os brazos non é unha opción

Jacobo Rey Sastre DIRECTOR XERAL DE FAMILIA, INFANCIA E DINAMIZACIÓN DEMOGRÁFICA

OPINIÓN

17 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As cuestións complexas nunca teñen respostas sinxelas. E nun tema tan poliédrico como é a crise demográfica, máis aínda. Pero isto non impide preguntarnos «por que» os mozos galegos tardan cada vez máis en ter fillos. E unha vez coñecidas as razóns, actuar desde todos os ámbitos para intentar darlle a volta a esta situación. E insisto no de «intentar», porque se algo nos ten ensinado a historia é que aquí non hai solucións milagreiras.

Os feitos son os que son. A mediados dos anos 80, as mulleres en Galicia tiñan de media o seu primeiro fillo aos 24,7 anos. Hoxe, téñeno pasados os 32. Esa demora de máis de sete anos no acceso á maternidade ten moitas causas, mais a principal ten que ver co cambio do rol feminino. En sociedades avanzadas como a nosa, a muller xa non renuncia a estudar o que quere, ir á universidade, ampliar formación cun máster e traballar no que ela decide, como lamentablemente si sucedía no pasado cando ese rol centrábase en asumir a crianza dos nenos. Non había problemas de conciliación porque iso era cousa da nai.

Teñamos en conta tamén o cambio no modelo de familia. Seguro que vostede atopa exemplos moi preto. As miñas avoas tiveron nove fillos cada unha. Hoxe, o número medio de fillos por muller, segundo o Instituto Galego de Estatística, é de 1,02. E os novos modelos de familia (monoparentais, reconstituídas, etcétera) tamén demandan o seu espazo e a súa atención.

A natalidade é, por norma xeral, unha decisión voluntaria. Antes da pandemia, o INE preguntoulle ás mulleres sen fillos que non tiñan pensado telos a curto prazo os seus motivos. Non houbo conclusións rotundas nas respostas. A principal causa (18 %) era ser demasiado moza, pero outro 15 % declaraba ser demasiado maior. Unha porcentaxe similar aludía a razóns económicas, e outro 14,7 % dixo abertamente que non quería ser nai.

En resumo, coincidirán comigo en que esta é unha cuestión demasiado complexa para resolvela con sentenzas de brocha gorda, criticando o presente («os mozos agora non queren renunciar a nada, viven na comodidade») ou mitificando o pasado («aos nosos pais dábanllo todo feito»). Nin tanto, nin tan pouco.

E o máis importante: pódese facer algo? As alternativas si son sinxelas. A opción «A» é baixar os brazos, resignarnos, asumir que o noroeste español —e non só o noroeste— seguirá sendo cada vez máis vello, e agardar polas consecuencias que terá no eido sanitario, social, cultural e, por suposto, no económico.

Pero hai unha opción «B»: adoptar medidas como as que está a tomar a Xunta de Galicia para favorecer que aquelas familias que deciden ter un fillo, dispoñan do maior apoio posible. Un apoio que necesariamente vai da man doutras actuacións no eido laboral, da corresponsabilidade, da conciliación ou da vivenda, cuestións que preocupan á nosa mocidade e dos que ningún Goberno é alleo.

Sabemos que ninguén vai ter un fillo porque as escolas infantís sexan gratuítas en Galicia. Ou por poñer en marcha case 100 casas-niño no agro. Ou por conceder unha tarxeta benvida de 1.200 euros para comprar os produtos básicos do bebé. Mais temos a certeza de que, cando menos, todo iso axuda. E cando o resto de comunidades autónomas imitan o que se fai en Galicia, e impulsan leis demográficas como a que se aprobou en 2021 nesta autonomía, se cadra imos polo camiño axeitado.