A carón de Miguel Ángel Blanco

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

16 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

José María Aznar participou a tempo parcial na homenaxe a Miguel Ángel Blanco. So asistiu ao acto organizado polo PP, para non se relacionar con Pedro Sánchez, compinchado con Bildu na elaboración da Lei da Memoria Democrática, que —di o expresidente— permitirá aos defensores de ETA manipular a historia e aldraxar aos que a protagonizaron con heroísmo e coraxe. Feijoo asentiu e prometeu derogala en canto chegue á Moncloa. Porén, na relación de Aznar co asasinato de Miguel Ángel Blanco hai algo que renxe, porque cando ETA secuestrou ao concelleiro do PP e deu 48 horas para que os seus presos fosen trasladados a Euskadi, Aznar respondeu que o Goberno non negociaba con terroristas; e dous anos despois autorizaba o traslado de 105 etarras e chamaba á banda «Movimiento de Liberación Nacional».

Unha neta preguntoume por que, sendo tantas as vítimas de ETA, se homenaxeou a Miguel Ángel Blanco. Respondinlle que a súa fora unha morte anunciada 48 horas antes; que tivera algo dos crimes dos talibáns, gravados en vídeo para horrorizar o mundo. A cúpula de ETA, irada polo rescate de Ortega Lara, despois dun secuestro de ano e medio nun zulo, quixo horrorizarnos a todos os españois e conseguiuno; pero non contou con que aquel horror revolvería as tripas de xente do seu entorno; con que a dor se impoñería ao medo e ETA perdería un apoio popular que xa nunca recuperou.

A segunda pregunta víase vir: —Por que tantos mozos vascos entraban en ETA e por que unha banda criminal tivo tanto apoio social? Á primeira parte contesteille con palabras de Iñaki Rekarte, o terrorista arrepentido: «A maioría dos membros de ETA éramos os máis burros dos nosos barrios; unha panda de tolos dispostos a matar sen saber por que». Para a segunda non teño resposta. Nunca entendín que unha banda que pon bombas en hipermercados e casas cuarteis, que roubou 853 vidas, 26 de nenos, poida ser un movemento patriótico para a xente de ben. Pero houbo políticos, intelectuais vascos e non vascos, curas e relixiosos de distintas ordes que ignoraron os crimes. Por iso me parecen oportunas as palabras que Mertxe Aizpurua, portavoz de EH Bildu, dirixiu no debate do estado da nación ás familias das vítimas de ETA: «Sentimos su dolor, y desde ese sentimiento sincero afirmamos que el mismo nunca debió haberse producido, que a nadie puede satisfacer que todo aquello sucediera, ni que se hubiera prolongado tanto en el tiempo».

Para seren, segundo a dereita máis ruda, o brazo incorrupto da ETA morta hai dez anos, non está nada mal.