Reescribir

OPINIÓN

Miguel Osés | EFE

15 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

 Comprendo o nerviosismo das cabezas pensantes de Ciudadanos que xa ven o abismo e miran de refundar a nada máis absoluta. As máis delas están afeitas a mudar unha e outra vez de partido. Non haberá problema. Sempre atopan a súa oportunidade.

Por iso quero pensar que Edmundo Bal, un home que sabe botar a lingua a pacer con certa elegancia, se quere recolocar a tempo e xa lle anda a mandar avisos á dereita máis dura na procura dun sitio. Se non, por que ía espetar que na Guerra Civil non houbo nin bos nin malos e que a democracia se acadou logo de seguirmos as normas da ditadura? Está claro que esas palabras, dignas do máis inspirado Abascal, fannos albiscar a desesperación de quen está a piques de abandonar o barco.

Con todo, resulta incrible a falta de consenso para interpretar a Guerra Civil. Continúa esa dualidade de quen opina que lembrar a traxedia non é necesaria e quen cre xusto o contrario. Pensar que falar da guerra é enfrontar os uns contra os outros coido que nace da incapacidade de aceptar o pasado con naturalidade e reconciliarnos con el. Convén que o señor Bal non esqueza que a Transición tamén trouxo un gran pacto de silencio co obxectivo de recuperarmos as liberdades. E non discuto que esa tregua non fose dalgún xeito precisa, pero tamén é certo que moitas das vítimas se sentiron traizoadas porque agardaban que se fixese xustiza. O triste de todo isto, señor Bal, é a igualación de vítimas e verdugos, unha ofensa á dignidade humana, á verdade, e sobre todo, á memoria dos miles de mortos que foron asasinados extraxudicialmente. E, por certo, a nosa democracia non lle debe nada ao respecto das normas da ditadura, senón aos principios e valores defendidos pola República.