Déixenme que lles confese unha cousa: pensei que este momento non chegaría nunca. De feito, creo poder afirmar que todos cantos lle queriamos tanto a Basilio, a Basilio Losada, pensabamos que, dun xeito ou doutro, el sempre estaría aquí. Aínda que fose a través do teléfono. Era parte das nosas vidas. Unha parte fundamental. E agora, cando el, o máis grande e máis xeneroso embaixador da cultura galega -e quizais, xunto con Carlos Casares, o máis extraordinario contador de historias que deu o noso Vello Reino-, acaba de marchar ao outro lado do río, todo é infinitamente máis pequeno. Ao longo de toda a súa vida, el sempre levou a Galicia consigo. E, á marxe do que dixesen os mapas, calquera lugar era sempre Galicia se alí estaba el. Non quería nada para si mesmo. Viviu, coma todos os verdadeiramente grandes, sempre para os demais. E eu agora doume conta de que, ante a inmensidade da súa figura, ante o extraordinario valor do seu legado, fáltanos perspectiva para podelos valorar -máis alá do territorio dos afectos- en toda a súa verdadeira dimensión. Era un sabio, no máis alto sentido da palabra. E ademais nel, grazas a un dos máis fermosos milagros que poida haber, se encarnaba a alma de todo un país. Escoitar a Basilio era escoitar falar a Galicia. Créanme se lles digo que non houbo día no que non fose así. Eu, agora, se pecho os ollos, véxoo no Camiño de Santiago, aquela ocasión na que fixemos noite no Cebreiro. Cando, mentres ceabamos o caldo, ao pé do lume -fóra brillaban as estrelas, pero tamén había moita neve-, el nos contaba, de novo, como, sendo neno, viu a Deus. A Deus Noso Señor, si, que viña disfrazado de mendiño, pedindo esmola polas portas, e entrou na casa de Basilio, onde incluso rezou por todos os defuntos. Agora Basilio foise. Partiu, como el diría, cara ao que nós chamamos morte. E todos o imos botar moito de menos. Nada será igual sen el. Sei que a estas horas está con Carlos Casares. E non só con Casares, porque hoxe, na Eternidade, volveu ver a Deus. E sei, ademais, que o seu recordo quedará para sempre. Como sei, tamén, que o seu legado perdurará. Non teño ningunha dúbida diso. Pero tan certo coma iso é que aquí, neste mundo, xa non o volverei ver máis. Por iso, neste preciso instante -descúlpenme vostedes a falta de enteireza, e non me fagan caso...- non podo deixar de chorar.