Cero coñas

Francisco Castro ESCRITOR Y DIRECTOR XERAL DE EDITORIAL GALAXIA

OPINIÓN

SHAWN THEW | EFE

07 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días vin, nun programa de televisión, ao cómico Joaquín Reyes imitar á raíña Isabel II de Inglaterra. Co seu histrionismo habitual, dixo tres ou catro verdades sobre as monarquías. Os bufóns, coma os autores das nosas cantigas de escarnio e maldizer, levan séculos sacándolle as vergonzas aos poderosos. Velaí radica o poder da sátira cando se fai ben. O humor pode ser unha arma moi poderosa porque, se é humor intelixente, remove conciencias e fai pensar. Aínda que agora son malos tempos para o exercicio do humor. Cousas que saían en La Bola de Cristal ou que cantaban Siniestro Total levarían de cabeza á Audiencia Nacional ao autor dos comentarios ou as cancións. A tiranía do politicamente correcto instaurouse coma unha sorte de censura totalitaria que fai que moita xente ande con medo á hora de facer certas coñas. Nada de relacionar a Carrero Blanco coa carreira espacial. Ese tipo de cousas. 

Por suposto que un humor baseado na burla de colectivos non é aceptable, porque debemos insistir no respecto e na tolerancia e, polo xeral, detrás de supostos chistes (que non lle fan graza a ninguén) agóchanse ideas do mundo que cómpre superar. Non é aceptable facer humor centrado en orientacións sexuais, raciais ou que perpetúen estereotipos machistas. Mais o certo é que agora estamos no estremo oposto, e semella que non hai espazo para a ocorrencia profunda que, ademais de nos facer rir, axuda a que teñamos unha sociedade mellor. 

Hai asociacións, como Abogados Cristianos, especialistas en meterlle medo a todo o mundo a base de querelas polo que eles consideran «ofensas». Sempre, por fortuna, as denuncias quedan en nada. Pero o mal xa está feito e debuxantes, humoristas gráficos, cómicos do escenario reducen cada vez máis a súa creatividade en función das supostas «sensibilidades» que poidan verse ofendidas. Así, a imaxe de dúas mulleres bicándose nun cartel dunhas festas patronais, ou un neno Xesús coa bandeira do Orgullo, pode ser levado aos tribunais. Iso acontece no mesmo país onde aínda hai algunha igrexa cun retrato de Franco dentro, concretamente no altar. Refírome á igrexa da Praza do Carmen de Valencia. Comprobeino, e alucinei, hai un par de fins de semana na cidade do Turia. Semella un chiste pero é real. Cristiáns fillos e netos de republicanos teñen que ir rezar coa imaxe do ditador subida aos altares. Curiosamente, ningunha asociación desas que denuncia seguido di nada sobre isto.