Sufoco electoral en Andalucía

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PEPO HERRERA / PSOE-A | EUROPAPRESS

25 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Señora Adriana Lastra... permítame que lle diga que o sufoco do resultado electoral en Andalucía debeu cortocircuitarlle as neuronas. Vostedes no PSOE, e en xeral na política de esquerdas, teñen un problema moi grande e, como non poñan mans á obra, van afundir sen rescate posible.

Son absurdos os comentarios botando balóns fóra. A xente votou e votou ben, porque cada voto conta. Abran os ollos e as orellas. As persoas falaron nas urnas sobre o que quixo e desexou, afastándose daquilo que non lles convencía ou que as tiña desencantadas. Con todo... isto víase vir, non lles parece? Galicia, Madrid, Castela e León e agora Andalucía. Tomen nota, porque é un bo espello no que mirar cara as eleccións xerais, non sexan parvos.

Os recursos que Juanma Moreno utilizou na súa xestión non eran cartos que saísen do peto de Pedro Sánchez. É diñeiro público, que lle corresponde a esa comunidade goberne quen goberne. Do mesmo xeito que o señor Sánchez tamén conta con cartos que proceden de Europa, verdade? E cando algo sae ben, apúntanse o tanto. Necesítanse ingresos, si, pero tamén saber utilizalos.

Que votou pouca xente? Permítame tamén que discrepe. A participación foi algo superior a das eleccións anteriores, pero aínda que quedase xente na casa... xusto eran os do seu partido? Non o creo e, de ser así, teñen un problema grave se non os mobilizan, si. Con todo, o resultado foi tan claro que non hai incremento de participación que o cambie.

Menos escusas, máis humildade e moito traballo.