Clientes ou «putañeiros»?

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

25 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A xornalista Julia Otero expresou en poucas palabras o sentir de boa parte do feminismo sobre a relación prostituta?cliente: «Esos tipos que se llaman a sí mismos clientes, como si la explotación sexual de una mujer fuera un servicio cualquiera».

É verdade. Os servizos das prostitutas son especiais e por iso no libro Xente na brétema, no que tentei contar a historia máis entrañable do Ferrol da miña adolescencia, falei con respecto e simpatía dalgunhas do meu barrio. Hoxe, coa prostitución controlada polas mafias é todo tan brutal e inhumano que boto a vista atrás e case me cae ben o chulo de putas que lle partía a cabeza ao cliente maltratador. Porque sempre houbo tipos perversos que, por pagar un servizo á prostituta —unha servidume, entenden eles—, crían ter dereito a facerlle o que quixesen; e o chulo non llelo permitía. O terrible é que as mafias si llelo consinten porque todo ten un prezo. Porén, estes dexenerados son minoría, como minoría son as mulleres que practican sexo duro por puro pracer. Estudos realizados por universidades americanas nos últimos anos conclúen que, nos encontros ocasionais, homes e mulleres preferimos unha relación sexual que imite o amor.

Eu teño claro que facer uso dunha muller a sabendas de que está escravizada é moralmente condenable; pero equiparar a todos os clientes de burdeis cos proxenetas ou cualificalos de «violadores de pago» paréceme unha criminalización sen xeito. E castigalos con multas económicas, como fixeron en Suecia e Francia e quere facerse en España, inútil e inxusto. Inútil, porque os resultados en Suecia e Francia son decepcionantes; inxusto, porque os 2,8 millóns de españois que «van de putas» fano porque hai oferta e prostitutas que non queren a abolición. E cadaquén ten a súa razón íntima: por desamor propio, por tela pequeniña, por tela demasiado grande, por ter rarezas…

Madame Claude veu de París a Madrid a comezos dos setenta, con Ninette e Caroline, dúas pupilas belísimas, e instaláronse nun apartamento da rúa Clara del Rey onde recibían o novelista fachendoso que levitaba cando lle lían unha páxina dos seus libros con acento francés; o feixista violento que Ninette e Caroline collían no colo, arrolábano, poñíanlle un chupete na boca e dábanlle azoutiñas para que durmise; o señor apaixonado de Mozart e coleccionista de arte que lles facía un striptease ao ritmo de You can leave your hat on, con gafas afumadas de motorista…

A gran maioría dos homes temos máis de can de palleiro que de lobo feroz.