Eu tiña un Cinexín

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

24 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo un estudo que di que se está a desenvolver unha especie de estrés doméstico debido a que a xente ten moito máis que ver nas plataformas dixitais do que son quen de consumir. De certo que moitos de vostedes saben ao que me refiro: abrimos calquera das moitas plataformas que temos na tele, no ordenador, na tableta, no móbil, e comezamos navegar por unha pantalla que, grazas ao algoritmo, nos suxire cousas que o algoritmo supón algoritmicamente que nos van gustar; e entón pasamos minutos e minutos movéndonos por aí sen atopar nada que nos agrade. A oferta é infinita. A nosa frustración tamén.

Non son eu un exemplo de melancolía pero quizais estabamos mellor antes, cando só había un par de canles (cando eu era neno só un) e había que ver a película que botaban. A do sábado servía, por certo, de pegamento social, pois o domingo pola mañá do que se falaba era «da película», así, en singular, como se só houbese unha posible, que era así. Millóns de persoas vían o mesmo e falaban ao día seguinte do mesmo. Falaban da película. Ou sexa, que falaban. Insisto, non son eu moi de melancolías, pero tiña algo de interesante dende o punto de vista social a familia enteira, xunta, vendo o que botaban. Hoxe temos escenas domésticas nas que cada membro da familia está nun dispositivo vendo o que lle agrada. Non direi que sexa algo malo iso. Só direi que igual a proposta anterior me gustaba máis.

O que está a acontecer con ese estrés imposible de manexar ao tentar dixerir a infinda oferta televisiva vía plataformas é o mesmo que está a acontecer coa información, que antes nos chegaba vía xornal, radio ou televisión, e agora, coas redes sociais, nos chega tanto e tan variada (e tan rápida) que o único que hai é ruído e de cada vez (tamén está estudado) máis problemas para discernir o que é verdadeiro do que un fake. Demasiado ruído. Aquí, de novo, o algoritmo decide que queremos saber e nolo conta sen filtros. É moita máis oferta. Pero iso non quere dicir que esa oferta sexa mellor. O algoritmo é parvo.

Eu, que queren que lles diga, eu tiña un Cinexín, como tantos nenos e nenas que naceron a finais dos sesenta do século pasado. E facía pases de cine de películas de Disney e El Zorro no cuarto de meus pais, que era o único que tiña as paredes brancas, e alí viñan todos os nenos e nenas do barrio. Ía tamén ao cine Roxy e, por suposto, vía «a película» dos sábados pola noite, a non ser que tivesen dous rombos que daquela me mandaban violentamente para cama.

Tiña menos oferta audiovisual. Pero non estaba nin a metade de estresado. De verdade.