Andalucía: 18 de brumario de Alberto Núñez Feijoo

Miguel Anxo Bastos Boubeta PROFESOR TITULAR DO DEPARTAMENTO DE CIENCIA POLÍTICA E DA ADMINISTRACIÓN DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

Daniel Pérez | EFE

22 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O 9 de novembro de 1799 no calendario común (18 de brumario do ano VIII no calendario revolucionario) foi a data en que Napoléon Bonaparte deu o célebre golpe de estado, incruento, inmortalizado por Marx nunha das súas célebres obras históricas, que o colocou no poder, primeiro en forma de triunviro e logo, unha vez consolidado, como emperador. Núñez Feijoo non deu o domingo pasado ningún golpe de Estado, nin nada que se lle pareza, pero todo apunta a que os efectos dos resultados das eleccións andaluzas han ser os mesmos a medio prazo: sinalalo como futuro presidente do Goberno español. Certo é que ten aínda moito que facer, pero, salvo erros monumentais ou algunha desgraza tipo guerra ou pandemia, o resultado electoral desatou unha serie de dinámicas que ao meu ver o colocan nunha situación de privilexio para conseguir ganar as eleccións xerais cando estas sexan convocadas. A primeira é que a súa estratexia de moderación e de ignorar —sen fechar de todo a porta— as demandas de Vox resultaron un éxito, e vese ben que pode obter resultados magníficos a costa dos resultados do PSOE centrando a súa postura; pero atención cun Vox aínda forte que é difícil que se alíe coa esquerda e que nun momento dado pode servirlle de apoio. A propia existencia de Vox como forza relevante contribúe a moderar aínda máis a imaxe do PP e pode incluso contribuír a que votantes moderados do PSOE e a práctica totalidade dos que optaron por Ciudadanos concentren seu voto nel para evitar que Vox inflúa nun hipotético novo goberno. É imposíbel que esta dinámica se de tamén en autonomías agora en disputa, como poden ser Comunidad Valenciana, Aragón ou A Rioxa.

A segunda é a propia deriva da esquerda chamada «rupturista», que está a perder grandes cantidades de voto en todas as eleccións autonómica celebradas no último ano. O espazo de Yolanda Díaz parece gafado pola mala sorte polos escándalos recentes e carece aínda de organización partidaria. O vello Podemos esmorece por falta de un liderado claro e polo lastre das divisións internas que se dan en moitas das súas organizacións, e, en vez de cumprir a súa función de base organizativa para o proxecto de Sumar, parece que o único que fai é restar. É certo que parte dos seus votos poden ir a organizacións nacionalistas de esquerda, ou similares, como o Más País, de Errejón e Mónica Díaz (se é que seguen xuntos daquela), pero a suba que estes poden ter non compensarán a perda que aparentemente van ter en moitas comunidades españolas. A consecuencia é que aínda que o PSOE aguante os seus resultados, o cal non é de descartar, se atope con que non vai ter escanos suficientes para conformar unha maioría.

Cabe a baza de que un revulsivo económico derivado das medidas anticrise que con case total seguridade vanse implementar nos próximos meses altere a evolución da economía e de a volta a estas malas expectativas do goberno e consigan ao final reverter os resultados. O dubido, porque, ou cambian as medidas, ou as que vexo anunciadas non van ter éxito ningún (como xa se viu con Zapatero); e de tomar as que eu entendo adecuadas, estas implicarán sacrificios a curto e medio prazo, e dificilmente serían aprobadas neste Parlamento. E non hai tempo xa.