Campo abandonado, campo queimado

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

María Pedreda

21 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os incendios destes días están a respectar a Galicia pero avanzan sen barreira polas terras lindeiras con Sanabria que coñecemos ben. A estrada que nos comunica coa cidade de Zamora, a antiga vía da Prata, e a liña de tren cara o interior foron arrasadas nestes días. Ao outro lado do Douro está o Portugal de Vimioso e alí dificilmente pode pasar o que aconteceu do lado zamorano. Toda a comarca de Miranda do Douro a Vimioso e ata Mogadouro está articulada sobre vilas e aldeas que labran unha agricultura de trigo, aceite e viño; unha agricultura do Mediterráneo no camiño do Atlántico. Tamén hai soutos, carballeiras e algún nogueiral e moitos cítricos e froiteiras. Nada que poida arder ao longo de quilómetros cadrados abandonados, como do lado zamorano.

Diríase —a costa de repetirme— que hai dúas paisaxes históricas moi contrastadas: unha republicana, a portuguesa, e outra aristocrática, a española. A primeira en produción, mal que ben pese ao seu relativo illamento e a décadas de emigración; a segunda nun proceso de abandono para que a natureza faga o traballo que as persoas xa non fan...

En Portugal, porén, houbo tamén incendios pavorosos, pero por razóns diferentes. Os incendios de Portugal foron cousa da sobreexplotación da terra con masas de eucalipto que eliminaron ou substituíron outras dedicacións. O de Zamora é puro abandono mesturado cunha dedicación preferente a inmensos e consolidados coutos de caza. Os cervos atópanse por toda a parte e as especies cinexéticas están en constante repoboación, ata a superpoboación. Testemúñao a localidade de Villardeciervos e mais a libre fauna toda que podes atopar transitando esa estrada 631. En Portugal houbo moitos mortos no incendio de Pedrógrâo Grande, déronse en zonas moi poboadas; en Zamora o que arde e monte baixo e neofragas de rebolos produto do abandono consolidado dos últimos 50 anos. O panorama está ben contrastado e resulta á vez ben parecido ao que coñecemos en Galicia: incendios de eucaliptais na fachada atlántica e de monte baixo abandonado cara o interior, ao surleste da dorsal galaica.

O campo abandonado arde sen control e irá a peor co quecemento global que só os negacionistas cuestionan. Pódese afirmar con rotundidade —como fai xa a Unión Europea— que só a recuperación dos manexos polas persoas que vivan no entorno rural poderá frear esa tendencia. Chámanlle reruralización ou renacemento rural. A intención de converter todo o mundo rural nun inmenso espazo baleiro atendido por servizos públicos, ademais de insensata culturalmente é inasumible economicamente; tamén fracasou a opción produtivista que é en parte a responsable deste caos que tanto nos asombra os días que hai incendios. Mágoa que esquecemos á mesma velocidade que se apaga o remol do lume. En todos os casos, o risco de baleirar o medio rural para ensaiar outros usos que non necesitan das persoas ten como consecuencia unha natureza sen control.