Cidades cultivadas

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. ESTÉVEZ

18 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As agrupacións humanas deben propiciar a xustiza e, ao mesmo tempo, ser cultivadas para alcanzar esa organización social chamada cidade, e afrontar o presente e o futuro desde prácticas éticas para evitar a perniciosa deshonestidade.

Cultura e os seus derivados, cultivar, culturizar, están a perder o recto contido. Así, fálase de cultura do pelotazo, de cultura das redes sociais, de cultura da barbarie, flagrante contradición nos termos. Temos que volver á semántica da cultura como o conxunto de usos e costumes, coñecementos artísticos, científicos e industriais que caracteriza unha época ou un grupo social, como un fío condutor que permite facer fronte aos fenómenos tan diversos que nos rodean. A cultura forma o contexto no que se desenvolve o noso acontecer.

Non se trata tanto da programación de espectáculos e eventos de calquera índole, aos que asistimos de forma máis ben pasiva, apreciando ou criticando, como da produción cultural na que participan sobre todo os mozos achegando creatividade e imbricada no tecido urbano, alén do que se entende por industrias culturais.

O gran desafío da política local é o de impregnar e transmitir a cultura na cidade. Isto atinxe á filosofía do planeamento, que vén ser un instrumento moralizarte que serve de marco para concertar o público e o privado en todos os eidos da acción urbana, na promoción funcional e estética da arquitectura doméstica e institucional, na organización e uso do espazo público, cultivando a práctica peripatética, imbuíndo esa ética do colectivo no conxunto da cidadanía e non só na veciñanza, ás veces mediatizada por intereses de proximidade. Cultura da sustentabilidade no consumo e tratamento dos residuos, na enerxía que utilizamos para nos desprazar asumindo novas pautas de mobilidade, na intelixencia artificial ao servizo do intelecto humano, no patrimonio activo comprometéndonos na conservación en lugar de limitarnos a admirar e alardear. Unha cidade na que coexistan a parte matérica e a parte vital, a actitude dos seus habitantes, conciliando urbs e civitas.

Os tempos difíciles esixen de todos un esforzo. Ante a recesión que está a chegar, a cidade ten que crear e proxectar cultura de crise. Cultura do fácil e do difícil, da abundancia e da escaseza, para enfrontarnos ao compromiso xuntos e non por separado. Por exemplo, non todos poden ter transporte gratuíto ou descontos nos combustibles; hoxe, coa tecnoloxía dispoñible, será doado facer que cadaquén contribúa segundo a súa renda.